HomeXunta de GaliciaA Xunta concede 7,6 M€ en axudas á execución das auditorías e...

A Xunta concede 7,6 M€ en axudas á execución das auditorías e obras para mellorar as redes de saneamento e de abastecemento municipais

- Anuncio -spot_img
  • Felicita ao Concello de Mondariz por aproveitar as axudas de Augas de Galicia para facer unha diagnose sobre o estado da súa rede de saneamento, instalar contadores intelixentes, rehabilitar colectores e dixitalizar a estación de bombeo do Val

A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 261 axudas por un importe global de 7,6 millóns de euros co obxectivo de apoiar aos concellos na execución de auditorías das redes de saneamento e abastecemento municipais e pequenas obras para mellorar o seu funcionamento.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou esta mañá Mondariz por ser, precisamente, un dos concellos beneficiarios dalgunhas das liñas de axudas convocadas por Augas de Galicia en 2025.

Neste sentido, a responsable autonómica indicou que de todas as ordes de axudas convocadas este ano por Augas de Galicia dirixidas a apoiar ás entidades locais neste eido (un total de cinco), as que tiveron máis éxito foron as destinadas a financiar o 100% do custo de pequenas obras e actuacións nos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais.

En concreto, a maior contía —un total de 4,11 millóns de euros— concedeuse a través de 103 subvencións a concellos cun importe máximo de 45.000 euros para reparar fugas e perdas de auga existentes nas súas respectivas redes. Ademais, tamén se outorgaron este ano outras 53 achegas para financiar obras destinadas a reducir os vertidos a través da eliminación de infiltracións ao sistema. Neste caso o límite de cada subvención é tamén de 45.000 euros, contía que poderá cubrir a totalidade das obras.

Ademais, tamén se financiará a realización dun cento de auditorías para facer unha diagnose sobre o funcionamento das redes de abastecemento (42) e de saneamento (58). Serán, en total, 1,3 millóns de euros repartidos en axudas de 15.000 euros cada unha.

Por último, financiaranse en tres concellos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa obras de mellora en sistemas de depuración autónomos, que supoñen unha solución axeitada para dar servizo a núcleos rurais illados de 15 vivendas ou menos. O importe destas tres axudas é de 40.000 euros.

Este tipo de achegas, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, permiten aforrar auga e reducir os vertidos a nivel local. Por iso e tras lembrar que as competencias en materia de augas son municipais, insistiu en que, deste xeito, a Xunta quere apoiar ás entidades locais —en especial, a aquelas de menos de 20.000 habitantes, que teñen menos recursos— na optimización duns servizos que son básicos para a veciñanza e que contribúen tamén ao cumprimento dos obxectivos ambientais en materia hidráulica.

A modo de exemplo, a conselleira felicitou ao Concello de Mondariz por aproveitar as liñas de axudas convocadas por Augas de Galicia nos últimos anos para optimizar o tratamento das augas residuais e o funcionamento das traídas municipais, co obxectivo neste caso, segundo recalcou, de reducir as perdas de auga por debaixo do 20%.

En concreto, o municipio pontevedrés resultou beneficiario dunha achega de 44.438,95 euros para proceder á retirada de contadores de auga vellos e á instalación de novos dispositivos intelixentes dotados de telelectura nas parroquias de Mondariz, Lougares e Vilar e doutra por importe de 33.503,24 euros para rehabilitar colectores en dúas rúas e dixitalizar a estación de bombeo de augas residuais do Val.

Neste último caso, ademais, cómpre lembrar que a obra servirá para darlle continuidade e concretar con feitos a auditoría de saneamento realizada en 2024 polo Concello de Mondariz grazas a outra axuda de 14.476,44 euros de Augas de Galicia para determinar as actuacións necesarias para mellorar o funcionamento da rede municipal.

Publicacións Relacionadas