O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das subvencións outorgadas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano no marco de ambas as convocatorias
A Xunta concedeu máis de 300 novas axudas para a modernización e para a transformación das frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías por estrada, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. O orzamento destinado a ambas as dúas liñas no terceiro trimestre deste ano suma case 4,4 millóns de euros.
Trátase, por unha banda das axudas para a modernización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, que sumaron entre o 1 de xullo e o 30 de setembro 213 beneficiarios. O orzamento ascendeu a case 1,3 millóns de euros, no marco da convocatoria lanzada en abril de 2023 e dirixida a autónomos e Pemes do sector cunha dotación de máis de 6,2 millóns de euros.
O obxectivo da iniciativa é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.
Así, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta quinta quenda 208 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración. Das restantes axudas, tres destináronse á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión, unha á implantación de sistemas TMS/ERP e outra á actualización de sistemas SAE.
Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar dúas solicitudes para dúas categorías diferentes, recibirá dous cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos Acordos de Prestación de Solucións de Modernización é de tres meses desde a notificación da resolución da concesión.
A medida impulsada pola Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
Máis dun cento de novas axudas para a transformación
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a relación de axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada no terceiro trimestre de 2024, que suman 126 subvencións por un importe global superior aos 3,1 millóns de euros. A totalidade das axudas destináronse a achatarramento.
Trátase da oitava relación dos expedientes concedidos no marco da orde do 30 de marzo de 2022, reguladora destas axudas dirixidas a empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada ou empresas que realicen transporte privado complementario, co obxecto de transformar as súas frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes.
A medida contou cun crédito inicial de 12,8 millóns de euros, que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en diferentes ocasións ata sumar preto de 29,5 millóns de euros. Está previsto que se continúen concedendo novas subvencións no marco desta axuda durante o último trimestre do ano, por mor dunha terceira ampliación dos fondos, que superará os 1,3 millóns de euros.
Estas axudas tamén se encadran no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

