HomePontevedraA Xunta concedeu nos últimos tres anos máis de 4,3 M€ en...

A Xunta concedeu nos últimos tres anos máis de 4,3 M€ en axudas ao concello de Vigo para mellorar a xestión municipal dos residuos

- Anuncio -spot_img
  • O vigués é un dos municipios de Galicia máis beneficiados polas distintas liñas de achegas para apoiar ás entidades locais no cumprimento das súas obrigas na recollida dos refugallos de ámbito urbano
  • Ángeles Vázquez lembra que a estas medidas se suman outras como a construción da planta de transferencia viguesa de Sogama, na que o Goberno autonómico investiu máis de 3,5 millóns de euros entre 2024 e 2025
  • A conselleira pon en valor a colaboración constante do Executivo galego cos concellos neste eido, que lles facilita prestar servizos acordes ao que establece a normativa vixente e contribúe a aliviar custos ás súas arcas na medida do posible

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a planta de transferencia de residuos orgánicos que a empresa pública Sogama ten en Vigo, onde salientou que a Xunta concedeu nos últimos tres anos a este concello máis de 4,3 millóns de euros en axudas para mellorar a xestión municipal dos residuos urbanos e os servizos á cidadanía neste eido.

A responsable autonómica indicou que o Concello de Vigo é un dos municipios de Galicia máis beneficiados polas distintas liñas de achegas convocadas polo Executivo galego para apoiar ás entidades locais no exercicio das súas competencias en materia de xestión dos refugallos, polo que contribúe en gran medida á mellora dos servizos que ten a veciñanza á súa disposición para o depósito dos distintos residuos.

Ángeles Vázquez puxo en valor que só este ano a Xunta concedeu preto de 1,5 millóns de euros en distintas axudas ao Goberno local co fin de mellorar a súa xestión na recollida da materia orgánica e dos residuos domésticos perigosos e voluminosos. Estes apoios foron para a adquisición de tres camións de recollida separada de biorresiduos, composteiros individuais e comunitarios, caldeiros e bolsas ou o desenvolvemento de distintas actuacións de formación e difusión.

Mentres, entre 2023 e 2024 o Concello de Vigo recibiu máis de 2,3 millóns de euros en distintas liñas de axudas. Entre outras medidas, tiveron como destino a adquisición de dous camións para a recollida de biorresiduos, a instalación na vía pública de máis de 1.400 contedores para materia orgánica con pechadura electrónica ou o reparto de 17.000 caldeiros, 700 sacas e 51.000 bolsas para uso doméstico e 3.400 bolsas e fundas para grandes xeradores de biorresiduos.

No eido da compostaxe, as achegas da Xunta estaban destinadas ao reparto de 3.000 composteiros domésticos, 3.000 caldeiros e 3.000 kits de compostaxe así como ao desenvolvemento -igual que no caso dos biorresiduos- de campañas de información, difusión e concienciación do conxunto da poboación sobre o correcto depósito dos distintos residuos para facilitar o seu tratamento ou reciclaxe.

A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, subliñou que Vigo é un exemplo máis da colaboración constante da Xunta con todos os concellos para que poidan cumprir coas súas obrigas en materia de xestión dos residuos urbanos -que é unha competencia municipal- así como aliviar custos para as súas arcas na medida do posible.

Outros investimentos

Ángeles Vázquez lembrou que estas axudas complementan outras medidas que tamén pretenden apoiar ás entidades locais como a rede pública de infraestruturas para a xestión de residuos orgánicos, á que pertence a planta de transferencia que Sogama ten en Vigo, na que se investiron máis de 3,5 millóns de euros entre 2024 e 2025. 

De feito, o Executivo galego destinou un total de 45 millóns de euros a este sistema integral de tratamento dos biorresiduos, que pretende apoiar aos concellos no cumprimento da normativa que os obriga a contar coa recollida diferenciada destes refugallos desde o 1 de xaneiro do ano pasado.

A rede está conformada por 13 plantas de transferencia -como a de Vigo- que dan apoio ás catro de compostaxe -unha por provincia- construídas en Cerceda (A Coruña), Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra). O deseño desta estrutura integral -que contou co cofinanciamento de fondos europeos- busca que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos ao modelo de Sogama, que dan servizo a máis de 2,2 millóns de habitantes, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia, permitíndolles deste xeito aforrar custos e velar polo coidado do medio ambiente.

Publicacións Relacionadas