- Os traballos permiten mellorar a rede de saneamento de augas do municipio e as condicións medioambientais do río Pontiñas
- Ángeles Vázquez lembra que as actuacións apostaron en todo momento polo fermosismo e a integración paisaxística das novas infraestruturas coa instalación dun parque infantil na cuberta do tanque de tormentas
- A conselleira pon en valor o apoio do Executivo galego aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión de augas co fin de ofrecer os mellores servizos posibles á cidadanía
A Xunta concluíu as obras de construción do tanque de tormentas e dos novos colectores de saneamento no concello pontevedrés de Lalín co fin de mellorar a rede de tratamento de augas do municipio e as condicións medioambientais do río Pontiñas. As obras, finalizadas recentemente, supuxeron un investimento global de máis de 7 millóns de euros.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou as novas instalacións acompañada polo alcalde da localidade, Xosé Crespo, onde puxo en valor unhas infraestruturas que permitirán incrementar o almacenamento na rede ante episodios de choiva e incrementarán a capacidade da estación depuradora de augas residuais (EDAR) existente no concello.
Os traballos consistiron na construción do tanque de tormentas, cun volume de retención de 5.000 metros cúbicos, e de 1,2 quilómetros de colectores interceptores para canalizar os vertidos cara a nova instalación e ao vertido de alivio ao Pontiñas.
A responsable autonómica salientou ademais que nestas obras se pensou en todo momento na integración paisaxística das novas infraestruturas, na liña da aposta da Xunta polo fermosismo, para o que se instalou un parque infantil na cuberta do tanque para integrar este elemento na contorna.
Esta é unha das actuacións prioritarias recollidas no Plan director de saneamento de Lalín, redactado por Augas de Galicia, e enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento coa finalidade de ofrecer os mellores servizos posibles á cidadanía.
Proxectos a futuro
De feito, na liña da planificación de actuacións para este concello pontevedrés, a conselleira lembrou que se está a traballar na definición doutros proxectos como a construción dunha nova depuradora co fin de xestionar o volume de auga residual retido durante os episodios de choiva.
Neste sentido, o orzamento de Augas de Galicia para 2025 ascende a 144 millóns de euros co obxectivo de seguir optimizando o saneamento e o abastecemento mediante a mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
De feito, o fin último é seguir apoiando aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión da auga e facer un uso eficiente dela para reducir a pegada hídrica no conxunto da comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento.