- Paula Uría agarda que se reactiven estas iniciativas porque cada megawatt de fontes de enerxía renovable que non se incorpora ao sistema é unha oportunidade perdida para reducir emisións, atraer industria verde e contar cun modelo máis sostible
- A directora xeral advirte de que actualmente están suspendidos 85 parques, que permitirían xerar máis de 2.300 megawatts e evitar a emisión á atmosfera de 2,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono
- O Executivo galego salienta que, malia estes atrancos, Galicia mantense entre as tres comunidades con maior produción de enerxía de orixe renovable de España, con máis do 80% da electricidade procedente destas fontes verdes
- Contrapón o rigor técnico na planificación e tramitación por parte da Xunta co incumprimento do Goberno central, que segue sen incorporar ao ordenamento xurídico español o interese público superior das renovables que promove Europa
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, explicou hoxe que a Xunta confía en que a recente resolución da Xustiza galega -que rexeitou a suspensión cautelar dunha liña de alta tensión de evacuación de enerxía renovable por non acreditarse dano ambiental nin risco grave e irreparable- supoña un punto de inflexión e un paso máis cara ao desbloqueo do sector eólico en Galicia, poñendo fin á parálise na que está inmerso.
A representante do Executivo galego respondeu hoxe unha pregunta na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia, onde subliñou que esta decisión xudicial supón un cambio de tendencia en relación cos fallos anteriores e confirma o que a Xunta leva anos defendendo -a correcta tramitación dos proxectos eólicos na comunidade- e que foi avalado polo Tribunal Supremo e polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea en distintas sentenzas.
Esta nova resolución, incidiu, pon o foco en que as avaliacións ambientais deben valorarse con rigor técnico e que a Xunta tramitou correctamente o proxecto desa liña de evacuación. Por iso, Paula Uría reiterou a vontade de que se poidan reactivar as iniciativas paralizadas para avanzar no desenvolvemento das enerxías renovables, claves no camiño da descarbonización e na consecución do obxectivo de que Galicia sexa neutra en emisións no ano 2040, dez anos antes da meta fixada por Europa.
“Cada megawatt renovable que non se incorpora ao sistema é unha oportunidade perdida para reducir emisións, atraer industria verde e avanzar cara a un modelo económico máis competitivo e sostible”, aseverou a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático. Por iso, engadiu, a transición enerxética non é unha opción senón unha necesidade ambiental, económica e social.
Ademais, lembrou, trátase dunha cuestión fundamental para avanzar na autosuficiencia enerxética e manter posicións de liderado na xeración de electricidade a partir de fontes renovables. De feito, malia ese parón no desenvolvemento de proxectos eólicos, Galicia xerou en 2025 preto de 18.000 xigawatts de electricidade de orixe renovable, o que supón arredor do 82% do total, moi por enriba do 55% de aportación que supuxo a nivel nacional, segundo o informe de renovables de Rede Eléctrica de España (REE) do ano pasado. Isto supón que a comunidade é a terceira de España con maior produción renovable, só por detrás de Castela e León e Aragón.
Paula Uría asegurou que a posición de vangarda de Galicia sería aínda mellor se puidesen desenvolverse os 85 parques eólicos suspendidos, que supoñen ter paralizados 2.325 megawatts de enerxía de orixe renovable. Coa súa posta en marcha evitaríase tamén a emisión de 2,5 toneladas de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, o que suporía o 25% do obxectivo total de redución de emisións fixado para 2040.
Desleixo do Executivo central
Nesta liña, engadiu que a Xunta conta cunha planificación eólica seria que blinda máis do 77% do territorio, no que, por diferentes condicionantes ambientais, non se permite a implantación de parques eólicos. Ao rigor e previsión do Executivo galego contrapuxo a desidia do Goberno central, que acumula anos de retraso no cumprimento da directiva europea de renovables, motivo polo que Bruxelas xa abriu a España un expediente de infracción que está en tramitación.
Ese procedemento, lembrou a directora xeral, débese á non incorporación á lexislación española do recoñecemento expreso do interese público superior das enerxías renovables, que permite dar prioridade a estes proxectos fronte a outros usos do territorio e axilizar os procedementos administrativos.
Fronte ao inmobilismo do Goberno central neste eido, Galicia incorporou este principio á súa normativa co fin de axilizar a posta en marcha destas iniciativas para avanzar na descarbonización. De feito, a Xunta salienta que o interese público superior das renovables non é un concepto teórico, senón unha ferramenta xurídica clave que permite axilizar permisos, reducir litixios, evitar suspensións cautelares, protexer proxectos estratéxicos e apostar claramente por este tipo de proxectos no territorio.
Ao non traspoñer este principio, lamentou, o Executivo central debilita a posición xurídica das comunidades autónomas, favorece a proliferación de recursos xudiciais e contribúe ao bloqueo do sector que sufre Galicia.
Malia atrancos coma este, Paula Uría reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento eólico, como demostra que estea a tramitar xa os primeiros parques ao abeiro da Lei de promoción dos beneficios ambientais, sociais e económicos dos proxectos que usan recursos naturais de Galicia. Nesta liña, son as primeiras retramitacións administrativas de proxectos eólicos, nas que algúns promotores, remarcou, deciden voluntariamente retramitar parques -malia ter as autorizacións previas- para ofrecer beneficios ambientais á contorna e económicos á cidadanía, o que mostra o seu compromiso co conxunto da comunidade.



