- A sentenza do Alto tribunal español resolve que o Executivo galego realizou unha tramitación ambiental conforme a dereito na autorización deste parque e rexeita que recorrese ao fraccionamento, en contra do que defendía un fallo do TSXG
- Esta resolución xudicial engádese ás emitidas a finais de 2023 e comezos de 2024 sobre o parque eólico Corme, que daban validez á tramitación ambiental realizada pola Administración autonómica
- A Xunta agarda que este fallo bote luz sobre o resto de proxectos suspendidos ao sentar doutrina e poña fin ao parón eólico existente na comunidade
A Xunta acolle con satisfacción a sentenza cuxo contido foi avanzado hoxe polo Tribunal Supremo sobre a correcta tramitación do parque eólico de Campelo, entre Coristanco e Santa Comba, pois resolve que o Executivo galego realizou unha tramitación ambiental conforme a dereito para a súa autorización. Esta resolución xudicial -que dá resposta aos recursos interpostos contra a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou o acordo polo que se autorizaba o parque- abre a porta a levantar a paralización doutros 64 parques eólicos decretada polo TSXG en resposta a 120 recursos.
A resolución xudicial do Alto tribunal entra no fondo da cuestión e rexeita que a Xunta realizase fraccionamento na tramitación dese parque eólico e que o feito de que comparta conexións con outro parque non significa que a tramitación de ambos se teña que facer de xeito conxunto. Desta forma, avala a avaliación ambiental individual e independente realizada polo Executivo galego dos distintos parques pola vía ordinaria -a máis exhaustiva e que ofrece máis garantías- ao considerar, como fixo a Administración autonómica, que os parques son independentes malia que compartan conexións.
Esta sentenza engádese a outras emitidas polo Tribunal Supremo a finais de 2023 e comezos de 2024 sobre o parque eólico Corme, no Concello de Ponteceso, nas que xa avalaba o procedemento de información pública realizado pola Xunta ao abeiro da tramitación ambiental dos proxectos eólicos.
O Goberno autonómico celebra que esta sentenza do Alto tribunal sobre o parque de Campelo lle volva dar a razón e bote luz ao sentar doutrina sobre o resto de parques paralizados, unha cuestión vital para poñer fin ao bloqueo eólico existente na comunidade autónoma.
A Xunta ten claro que debe apostar polas enerxías renovables para avanzar na descarbonización da economía e nese obxectivo a eólica é un piar fundamental. De feito, coincide con Europa na declaración do interese público superior dos parques eólicos para avanzar cara a descarbonización e a neutralidade climática así como para evitar a perda de biodiversidade.