- No marco do proxecto Iberalex a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático monitorizou ao longo deste ano un total de 124 niños desta especie repartidos entre 23 areais galegos e confirmou que 51 dos polos nacidos lograron voar
- No que respecta ao mazarico real, seguirase traballando nas actuacións de conservación ‘ex situ’ e de cría en catividade co obxectivo de tentar reverter a situación da poboación nidificante na comunidade galega
O proxecto Iberalex en Galicia para mellorar o estado de conservación da píllara das dunas, no que participan, entre outros socios, a Xunta e a Universidade de Santiago, continúa avanzando e dando resultados positivos, na procura de reducir o impacto que teñen os usos recreativos e humanos nas praias galegas nas que nidifica esta ave sobre a súa reprodución.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, presidiu esta mañá a reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade, ante o que se expuxeron os principais resultados desta iniciativa, financiada con fondos do Programa de cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) e na que se enmarcan diferentes traballos de seguimento e conservación da píllara das dunas, unha ave incluída no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de “vulnerable”, que conta cun plan de conservación e da que Galicia concentra a única poboación existente na costa cántabro-atlántica española.
En concreto, os membros do Observatorio foron informados de que este ano se monitorizaron un total de 124 niños repartidos entre 23 areais galegos, cifras que superan os 86 niños en 19 areais sobre os que se actuou o ano pasado. Grazas a este seguimento constatouse que os ovos de 56 dos niños vixiados en 2024 chegaron a eclosionar e 51 dos polos nacidos lograron voar con éxito.
Así mesmo e con respecto ao proxecto de cría ex situ ou en catividade da píllara que se leva a cabo no Centro de recuperación de fauna de Oleiros (CRF), cómpre subliñar que durante a tempada 2024 naceron un total de 36 polos sendo liberados 34 deles.
Outro dos asuntos abordados durante a reunión do observatorio foi o proxecto de incubación e cría en catividade do mazarico real, outra ave ameazada no territorio da Comunidade e que nos últimos anos está sendo obxecto de distintos tipos de accións de conservación e recuperación por parte do Goberno galego.
Neste caso, informouse de que ao longo de 2024 se executaron accións tanto no medio natural como no CRF de Carballedo co fin de recuperar as poboacións desta especie. Entre elas, cómpre subliñar a protección dos niños silvestres mediante distintos métodos así como a recollida e traslado de 4 polos nacidos no medio natural ao citado centro para a súa cría, crecemento e posterior liberación na zona de reprodución.
Así mesmo e tendo en conta a situación actual da poboación da especie en Galicia, trabállase co obxectivo de incorporar tamén o ano que vén ovos procedentes dalgunha poboación europea extraibérica mediante o traslado de postas para a súa incubación e posterior crianza nas instalacións da Xunta.
Durante a reunión tamén se abordaron outros asuntos como a elaboración dos informes sexenais 2019-2024 sobre o estado de conservación das especies incluídas nos anexos das Directivas Hábitats e Aves, información que será remitida por Galicia ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a mediados de xaneiro.
Igualmente, informouse da presenza en Galicia da Rugulopteryx okamurae, unha alga invasora de orixe asiático que foi detectada na Comunidade por primeira vez o pasado mes de xuño. Neste sentido, cómpre lembrar que ante o aumento da súa área de distribución pola Península Ibérica, na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de xullo de 2022 aprobouse a Estratexia de Control desta especie en España.
Órgano consultivo
O Observatorio Galego da Biodiversidade é un órgano consultivo de asesoramento e consulta que ten entre as súas funcións prestar apoio á Administración autonómica na análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia, na elaboración e seguimento de indicadores de estado das especies e en relación co catálogo galego de especies ameazadas.
Neste órgano consultivo participan representantes da Administración, especialistas no estudo e investigación de distintas especies mariñas, terrestres e de auga doce así como representantes das tres universidades da comunidade e asociacións que teñen entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia.