- Coa promoción, os usuarios do carné, de entre 18 e 30 anos, terán un desconto dun 10 % das entradas en iniciativas culturais e de lecer que organiza
- Lara Meneses destaca a “continua mellora e o incremento de oportunidades a través dunha ferramenta moi útil para contribuír á calidade de vida dos mozos e mozas”
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asinou hoxe a adhesión de Casi Events como establecemento colaborador do Carné Xove, sumando así unha nova entidade ás vantaxes que ofrece esta iniciativa da Xunta para a mocidade galega.
Deste xeito, a entidade promotora de eventos e citas culturais e de lecer, comprométese coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a poñer en marcha unha promoción destinada ás persoas usuarias do carné, de entre 18 e 30 anos, para realizarlles descontos dun 10 % en entradas dalgunhas das súas iniciativas.
Lara Meneses salientou o feito de que, con esta incorporación, o Goberno galego continúa “a mellorar e incrementar” as oportunidades que se poñen a dispor da xuventude a través do Carné Xove. Ao respecto, destacou que se trata dunha “ferramenta moi útil”, non só para facilitarlles as opcións de lecer dos máis novos, como neste caso, “senón noutros eidos como o deporte, o transporte ou equipamento de vivenda”, precisou.

