HomeXunta de GaliciaA Xunta continuará impulsando neste 2026 o seu proxecto "Artesanía no prato"...

A Xunta continuará impulsando neste 2026 o seu proxecto “Artesanía no prato” que vén de ser distinguido nos Premios Nacionais de Artesanía

- Anuncio -spot_img
  • A iniciativa impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia desde o ano 2013 co obxectivo de facer converxer artesanía e gastronomía foi recoñecida na categoría Promociona Entidades Públicas
  • O ano que vén está previsto publicar unha nova edición do libro Artesanía no Prato e realizar diferentes accións vinculadas ao proxecto coa intención de aumentar o número de obradoiros de Artesanía de Galicia e de restaurantes implicados
  • Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro que consegue incorporar as pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía, mellorando a experiencia sensorial das persoas consumidoras e engadindo singularidade e exclusividade

A Xunta continuará neste ano 2026 coa súa aposta pola incorporación da Artesanía de Galicia no sector da gastronomía a través do proxecto Artesanía no Prato, recentemente distinguido na categoría Promociona Entidades Públicas no marco dos Premios Nacionais de Artesanía. A través da Fundación Artesanía de Galicia, reeditará o libro Artesanía no Prato, que recompila fotografías da colaboración entre 33 obradoiros de Artesanía de Galicia e 15 restaurantes galegos, ademais de tres exemplos de éxito. Está previsto tamén poñer en marcha diferentes accións para incrementar o número de obradoiros e restaurantes participantes no proxecto, tanto de dentro como de fóra de Galicia, seguindo a liña de traballo iniciada en 2025 co evento Artesanía de Galicia em Lisboa.

Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España posto en marcha no ano 2013 durante a segunda edición do Corazón da Artesanía de Agolada (Pontevedra), co obxectivo de xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía. Artesanía no Prato consegue unir dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local de xeito que se enxalzan mutuamente, ampliando a experiencia sensorial que supoñen por separado e achegando singularidade e exclusividade.

Desde esa primeira experiencia, a Fundación Artesanía de Galicia actúa como intermediaria entre artesáns e cociñeiros para introducir pezas de Artesanía de Galicia nos seus restaurantes e participando en diferentes eventos vinculados á gastronomía como accións puntuais de promoción e simbiose de ambas as dúas disciplinas.

A través da gastronomía, Artesanía de Galicia consegue chegar a públicos que aprecian a autenticidade e a autoría que hai detrás das pezas e dos menús, mentres que os cociñeiros conseguen que o deseño dos soportes artesanais se axusten ás súas necesidades e lles permitan destacar o que queren comunicar en cada prato.

Nestes doce anos de traxectoria, son xa moitos os cociñeiros e cociñeiras que están a colaborar con ceramistas, artesáns especializados en madeira, en coitelos, en pedra, en cestería, en vidro, en olería ou en coiro, para crear pezas e vaixelas exclusivas e personalizadas.   

Recoñecementos

O pasado 17 de decembro, o proxecto Artesanía no Prato obtivo o Premio Promociona para Entidades Públicas 2025, o que supón o cuarto galardón nesta categoría dos Premios Nacionais de Artesanía para a Fundación Artesanía de Galicia, que xa resultara gañadora en 2023, pola iniciativa Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra nos Pendellos de Agolada; en 2016, polo seu proxecto Enredadas que busca a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas para abrir novos mercados en ámbitos como a moda ou a decoración; e en 2012, por conxugar o apoio aos oficios tradicionais cunha aposta pola innovación e adaptación aos novos mercados.

Así mesmo, Artesanía no Prato foi recoñecida en maio de 2021 como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code, orientado a mellorar a competitividade das pemes no sector da artesanía, a impulsar o seu crecemento e a promover a innovación e no que a Fundación Artesanía de Galicia participa desde o ano 2020. A iniciativa Artesanía no Prato. Posicionando a Galicia no epicentro da excelencia culinaria e artesanal foi tamén seleccionada para aparecer na plataforma de políticas formativas de Interreg Europe como modelo para os sectores artesáns doutras rexións europeas co gallo de vincular a artesanía con outros sectores e crear sinerxías.

Publicacións Relacionadas