Os técnicos de Augas de Galicia detectaron as incidencias durante os seus labores rutineiros no marco da campaña de inspeccións na rede fluvial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente dous puntos de vertidos de augas residuais nas parroquias de Cerdedo e Quireza, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
As actuacións iniciáronse durante as comprobacións rutineiras que o persoal do Programa de Control de Vertidos efectúa no marco da campaña de inspeccións na rede fluvial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Ao abeiro dese labor localizáronse dúas incidencias na infraestrutura de saneamento municipal, unha delas na fosa séptica do lugar de Arén, na parroquia de Cerdedo, e a outra na estación depuradora da parroquia de Quireza, que ocasionaban vertidos de augas residuais domésticas sen depurar cara o dominio público hidráulico.
Os técnicos do organismo autonómico puxeron en coñecemento do Concello ambos episodios para que adoptase as medidas oportunas para corrixilos e poñer fin aos aportes irregulares procedentes da rede de saneamento.
Nunha nova inspección na zona verificouse a execución de obras de mellora en ambos sistemas de depuración de augas residuais, que permitiron emendar as dúas incidencias, poñendo fin así á contaminación asociada aos vertidos.