- Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia realizaranse seis edicións válidas para a inscrición no ‘Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia’
- Publícase tamén hoxe a convocatoria para o desenvolvemento de cinco edicións de accións formativas de reciclaxe para estes profesionais
- As sesións enmárcanse na programación formativa da Agasp para 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de cursos de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais de Galicia. Trátase de seis edicións das accións formativas válidas para a inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia. As sesións desenvolveranse na Estrada, Sanxenxo, A Coruña, Ortigueira, Ourense e A Mariña de Lugo no primeiro semestre, con 25 prazas en todos os casos.
As persoas interesadas en participar nestas accións formativas deben ter a maioría de idade e posuír o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Deberán tamén superar a proba específica ‘combinada con aletas’, que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos.
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a convocatoria da Agasp para a realización de cinco edicións dos cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.
Das edicións convocadas hoxe, catro están dirixidas aos profesionais que desenvolven a súa actividade en instalacións acuáticas. Destas, tres celebraranse no concello da Estrada ao longo de marzo e outra na Coruña, tamén a comezos do próximo mes. A outra edición diríxese aos profesionais que desenvolven a súa actividade en espazos acuáticos naturais e terá lugar no concello de Sanxenxo na segunda quincena de maio. Todos os cursos teñen carácter presencial e 16 horas de duración. Contan con 35 prazas, excepto no caso da Coruña que ofrece 25.
As persoas interesadas en participar nestas accións formativas, que suman 350 prazas, dispoñen desde mañá ata o 27 de febreiro para formalizar a súa inscrición. A solicitude deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
Máis de 30 cursos previstos ao longo do ano
Os cursos enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp para 2025 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia, entre os que figuran os profesionais do socorrismo. Nesta liña de acción, o ano pasado convocáronse 13 edicións nas que participaron máis de 300 persoas. Neste ano prevese darlle un importante pulo a esta formación, coa convocatoria de 34 edicións que sumarán 1.190 prazas.
Trátase de cursos que permiten o acceso ou renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia creado pola Xunta, que ao peche da tempada de verán de 2024 sumaba 4.485 profesionais. A cifra reflicte un incremento do 13% con respecto a finais de 2023, cando figuraban 3.959 persoas rexistradas. A meirande parte son socorristas en instalacións acuáticas, con 2.309, seguidos de socorristas en espazos acuáticos naturais, con 873, e de socorristas en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais, con 804.
Aínda que a contratación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos é unha competencia municipal, o Goberno galego apoia a súa contratación e encárgase de regular a formación que deben reunir para prestar un servizo seguro e de calidade, así como para poder estar inscritos no Rexistro profesional de socorristas de Galicia.
En canto á contratación, a semana pasada lanzouse a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para apoiar os concellos na prestación deste servizo, cubrindo os custos salariais no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro para dispoñer de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalación acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio. En 2024 a medida beneficiou 185 concellos, un 20% máis que no ano anterior.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ofrécelles cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas, ademais de preparar as novas promocións de Policía Local.