Trátase de formación válida para a renovación da inscrición no ‘Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia’
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización dun curso de reciclaxe de socorrismo acuático, válido para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia. A acción forma parte do plan formativo da Academia dirixido a persoal socorrista de Galicia que desenvolve a súa actividade en instalacións acuáticas.
A actividade realizarase de xeito presencial na Estrada os días 26 e 27 de outubro, con 35 prazas e 16 horas de duración en horario de mañá e tarde. As persoas interesadas en participar dispoñen desde mañá ata o 16 de outubro para formalizar a súa inscrición, que deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
Este curso de reciclaxe enmárcase no plan de formación previsto pola Agasp para 2024 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia, entre os que figuran os profesionais do socorrismo. As prazas ofertadas para este colectivo no que vai de ano son xa máis de 300.
Centro formativo de referencia
Trátase de actividades enmarcadas no plan de formación continua da Agasp deste ano no eido das emerxencias, que inclúe 41 cursos cun milleiro de prazas. A maiores ofértanse accións formativas dirixidas ao persoal dos corpos e forzas de seguridade e xornadas de interese xeral.
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia e como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

