- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria cun orzamento de 400.000 euros para cubrir os gastos de creación e/ou funcionamento ordinario destes órganos entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025
- O obxectivo é facilitar a promoción dos valores da igualdade de xénero e a loita contra a fenda salarial dentro dos lugares de traballo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a creación ou mantemento de gabinetes técnicos especializados en igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial. Cun orzamento de 400.000 euros, poderán solicitarse desde mañá —día seguinte ao da publicación da orde no DOG— deica o próximo 22 de febreiro.
A convocatoria diríxese a organizacións empresariais e sindicais co gallo de apoiar a creación e/ou funcionamento destes gabinetes, que desenvolvan accións directas con empresas e persoas traballadoras na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes no ámbito do traballo. As entidades beneficiarias verán cubertos os gastos tanto da fundación como da consolidación destes órganos entre o 1 de novembro do 2024 e o 31 de outubro de 2025.
A través destes gabinetes, promóvese a igualdade laboral en eidos como o da negociación colectiva, os procesos de selección e contratación, a clasificación profesional, a formación, a promoción profesional, as condicións de traballo e o exercicio corresponsable da vida persoal, familiar e laboral. Tamén se loita contra a infrarrepresentación feminina en determinados sectores, contra a fenda salarial e contra o acoso en todas as súas manifestacións.
Con esta liña de apoios, a Xunta pretende ademais apoiar as empresas na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade e dun traballo de diagnose permanente, que inclúe actividades informativas e identificación de boas prácticas.
O obxectivo último destes impulsos é o fornecemento da igualdade de xénero como eixe arredor do cal construír unha contorna de traballo máis xusta e cunha progresiva redución da fenda salarial, con grupos especializados que poderán promover accións directas de traballo dentro das entidades para acadar a igualdade de oportunidades e salarial, sen diferencias de xénero.
O 50% do orzamento, 200.000 euros, destinarase a asociacións empresariais, e a outro metade, outros 200.000 euros, ás organizacións sindicais intersectoriais.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250122/AnuncioG0767-261224-0003_gl.html