HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca axudas por 1,75 M€ para que os concellos constrúan...

A Xunta convoca axudas por 1,75 M€ para que os concellos constrúan ou melloren puntos limpos fixos

- Anuncio -spot_img

— A nova orde prevé subvencións dun máximo de 300.000 €, ata o 90% do custo, para implantar este tipo de instalacións en municipios que non dispoñan das mesmas

— As entidades locais que estean interesadas poderán solicitalas, de forma individual ou como agrupación de municipios, ata o vindeiro 6 de xuño

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha orde de subvencións para construír novos puntos limpos fixos ou mellorar os xa existentes, dotada dun orzamento de 1,75 millóns de euros e dirixida ás entidades locais e ás súas agrupacións.

A convocatoria divídese en dúas liñas: a primeira ou liña 1, á que se reserva un orzamento de 1,56 millóns de euros, está dirixida a financiar a construción de puntos limpos naqueles municipios nos que non exista unha instalación deste tipo. O importe máximo da axuda poderá acadar os 300.000 euros.

En canto á liña 2, destinarase a apoiar actuacións municipais que pretendan mellorar as instalacións de puntos limpos xa existentes, co fin de requintar os servizos que ofrecen na actualidade aos veciños.

Neste caso, o orzamento reservado a apoiar este tipo de actuacións ascende a 190.000 euros. A axuda —ao igual que para a construción dun novo punto limpo— poderá chegar ao 90% do custo total e deberá destinarse a acometer melloras na recollida separada dos residuos especiais en instalacións autorizadas ou en trámite de autorizar.

Deste xeito, os interesados en acollerse a estes incentivos poden presentar desde mañá e ata o 6 de xuño a súa solicitude para contar co apoio económico da Xunta, co fin de mellorar a prestación do servizo municipal de recollida do lixo.

2,2 millóns de galegos xa teñen acceso a un punto limpo
Na actualidade, máis de 2,2 millóns de galegos contan cun punto limpo fixo —dos preto de 150 que existen— a menos de 10 minutos do seu domicilio.

Ademais, desde 2019, a Xunta destinou máis de 5 millóns de euros a través de diversas ordes para a execución de 122 proxectos no eido da xestión dos residuos municipais. Entre as mesmas, destaca a liña de incentivos para adquirir puntos limpos móbiles, que apoian e completan a rede fixa co fin de que toda a cidadanía poida dispoñer deste servizo.

De feito, a Xunta ten pendente de resolver a convocatoria de 2022 que prevé un orzamento de 1,4 millóns de euros para a recollida de residuos domésticos especiais a través de puntos limpos móbiles, un tipo de infraestruturas coas que se busca solucionar dúas cuestións: axudar ás entidades promotoras, que en ocasións non dispoñen do 100% da capacidade económica para asumir este tipo de proxectos; e garantir este servizo aos cidadáns residentes en concellos que non dispoñan do mesmo.

Publicacións Relacionadas