- A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá estas accións formativas, que se realizarán de xeito presencial nas instalacións da Academia no concello da Estrada
- Os interesados poden matricularse a través da web da Academia a partir de mañá e ata o 10 de novembro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de dous cursos destinados a xefes, subxefes e mandos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Esta formación, que oferta un total de 40 prazas, desenvolverase de xeito presencial nas instalacións da academia, no concello da Estrada, a finais de novembro.
A Agasp impartirá formación para os mandos que teñan superado o curso básico de protección civil e se atopen en activo na súa agrupación sobre comunicación coa prensa nos servizos de emerxencias, ofertando 20 prazas para un total de oito horas lectivas, e formación sobre xestión operativa e de mando de nivel un, coas mesmas prazas e 24 horas lectivas.
O prazo de inscrición para este curso ábrese mañá e prolóngase ata o 10 de novembro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na páxina web da Agasp, onde tamén se publicará o contido das diferentes actividades formativas e a relación de persoas seleccionadas para participar nesta formación, que se realizará entre novembro e principios de decembro.
Do total de 35 prazas ofertadas, o 50 % estarán reservadas para mulleres que cumpran cos requisitos esixidos na convocatoria e daráselle preferencia de acceso ás persoas con maior rango xerárquico e antigüidade como voluntarias de protección civil.
A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para este segundo semestre do ano e súmase á publicada en febreiro, tamén os responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
Centro formativo de referencia para os servizos de emerxencia
Por outra banda, o plan de formación previsto ata xuño para persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia ofertou case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas en 250 accións formativas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.



