A Xunta convoca por 1,4 M€ as axudas para promover a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial entre o tecido productivo galego

adminON
Lectura mínima de 4
  • O DOG publica hoxe a orde en virtude da que se poden solicitar axudas de ata 9.000 € para medidas de flexibilidade horaria ou de fomento do teletraballo e de ata 20.000 € para financiar o investimento necesario de cara a garantir o traballo en remoto
  • Con este programa de apoios, que inclúe tamén axudas para a implantación de plans de igualdade nas empresas e de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), o Executivo autonómico espera chegar a unhas 230 firmas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixida a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para impulsar a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). O prazo de solicitude das axudas arranca mañá —día seguinte ao da publicación— e remata o 28 de febreiro.

O obxectivo é beneficiar unhas 230 empresas a través de tres liñas: unha primeira, para fomentar a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade (200.000 euros); unha segunda, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria (1,1 millóns de euros); e unha terceira (dotada con 100.000 euros) para que as empresas poidan optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.

Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevé apoios —que se calculan en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal— que poden chegar ata os 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de persoal experto en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por persoa traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Inclúense neste segundo paquete de achegas as destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80% do investimento con tope de 1.500 euros por persoa empregada beneficiaria e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa apoia as empresas e o traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custos do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250131/AnuncioG0767-301224-0007_gl.html

Comparte este artigo