- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de subvencións destinadas a paliar o impacto causado por esta especie nas explotacións da comunidade
- As achegas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques que se comuniquen entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia convocou hoxe as axudas para paliar os danos que provoca o lobo sobre o sector agrogandeiro, dotadas cun orzamento de preto de 600.000 euros, para o ano 2026. Estes apoios poderán solicitarse a partir de mañá, 16 de decembro.
En concreto, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se establecen as bases reguladoras das subvencións para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o vindeiro ano. Cun orzamento asignado de 597.724 euros, estas achegas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable.
A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación.
Esta convocatoria inclúe tamén un importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias), que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros (para vacas de entre 2 e 6 anos).



