- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da actividade formativa, que é válida para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia
- Os interesados poden matricularse a través da web da Academia nun prazo de 20 días naturais a partir de mañá
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización dun curso de reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas destinado aos profesionais inscritos no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia na sección de instalacións acuáticas.
O programa inclúe a actualización dos catro módulos teórico-prácticos asociados á cualificación profesional de socorrismo acuático, que son a natación, a prevención de accidentes en instalacións acuáticas, o rescate de accidentados e instrución en primeiros auxilios. As sesións formativas desenvolveranse de xeito presencial nas instalacións da Agasp na Estrada os días 29 e 30 de novembro en horario de mañá e tarde, sumando un total de 16 horas lectivas.
As persoas interesadas en participar nesta acción formativa, dispoñen desde mañá de 20 días naturais para formalizar a súa inscrición. A solicitude deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ofrécelles cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas, ademais de preparar as novas promocións de Policía Local.
Este curso de reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas enmárcanse no plan de formación da Agasp para 2025 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia, entre os que figuran os profesionais do socorrismo. Nesta liña de acción, xa se convocaron case 50 accións formativas, incluíndo as directamente convocadas pola Agasp e as organizadas e comunicadas á academia por entidades externas.
Trátase de cursos que permiten o acceso ou renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia creado pola Xunta, que ao peche da tempada de verán de 2025 sumaba máis de 4.700 profesionais.
Cómpre lembrar que, aínda que a contratación de socorristas é un asunto de competencia estritamente municipal, a Xunta ademais de regular a formación que deben reunir, contribúe na súa contratación a través do financiamento dos custes salariais durante a temporada estival, unha liña de axudas que este ano volveu a contar cun orzamento de 1,5 millóns de euros para reforzar a capacidade de resposta e que beneficiou a 194 entidades locais.



