A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanza que con esta nova convocatoria dáselle continuidade aos obxectivos do Plan Hurbe, que desde 2010 permitiu executar 317 actuacións urbanísticas a nivel local
Durante unha visita ao concello ourensán de Beariz, subliña os bos resultados da intervención conxunta financiada pola Xunta e o Goberno municipal no núcleo de Alvite, que contribuirá á dinamización social e turística desta aldea singular
En 2021 o departamento autonómico ten reservados máis de 7,4 millóns de euros para financiar intervencións de humanización en municipios e contornas urbanas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará no mes de marzo unha orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros e destinada á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns a financiar actuacións municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o vindeiro exercicio.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita ao concello ourensán de Beariz para comprobar o resultado das obras de humanización acometidas no núcleo de Alvite grazas a un convenio de colaboración asinado entre o seu departamento e o Goberno local.
Concretamente, a responsable autonómica explicou que a zona da intervención é unha aldea singular que nos últimos anos experimentou un gran pulo e desenvolvemento desde o punto de vista social, demográfico e mesmo turístico. Coa recuperación da que é a súa vía principal, actuando sobre o pavimento coa colocación de adoquíns de granito moreno e mellorando e renovando as instalacións para a recollida das augas pluviais e outros servizos, a conselleira salientou que se crea un entorno “adaptado, seguro e accesible para todos” e se reverte á vez a situación de deterioro na que se atopaba anteriormente esta rúa.
Cun investimento superior aos 130.000 euros, a responsable autonómica enmarcou a actuación en Alvite dentro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai unha década para apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial.
En 2021 a Consellería de Medio Ambiente manterá esta liña de colaboración cos concellos, reservando nos seus orzamentos máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanas.
Tal e como explicou Ángeles Vázquez, parte deses fondos mobilizaranse a través da nova orde de axudas 2021-2022 para creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes, axudando a financiar actuacións coma a realizada en Beariz; e o resto do orzamento destinarase a actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización inspiradores do devandito Plan Hurbe.
Cómpre lembrar que a Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos, e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.
Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que suporán a mobilización de 148,96 millóns de euros.
Beariz foi un dos municipios beneficiados e grazas aos distintos convenios de colaboración subscritos coa Xunta nos últimos anos puido levar a cabo varias actuacións de acondicionamento e mellora en prazas e rúas do termo municipal así como na contorna da Casa Consistorial cun investimento de case 400.000 euros.