A Xunta dá a benvida a un novo Centro Integrado de FP, que xa suman 28, o triplo que hai 15 anos

adminON
Lectura mínima de 3

A directora xeral de FP reúnese cos equipos directivos desta rede centros, á que se suma a Escola de Cantería de Poio, para planificar novas accións

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, reuniuse cos directores dos 28 centros da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional para abordar novas actuacións en materia de emprendemento, innovación e internacionalización, nun encontro no que tamén participaron os inspectores dos mesmos. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que esta cita facilita un diálogo bidireccional, esencial para identificar as necesidades dos centros, reforzar a coordinación entre eles e implementar accións de futuro.
A xuntaza sirviu de benvida ao CIFP de Cantería de Galicia, de Poio, que vén de incorporarse este curso a este rede, o que eleva o número de centros a 28, fronte aos nove existentes en 2009, triplicando así o seu número en 15 anos. Este crecemento evidencia o compromiso da Xunta coa expansión e modernización da FP en Galicia.
“Os centros integrados de FP son pezas clave no desenvolvemento da Formación Profesional e acollen á metade do alumnado de FP, situándose na vangarda das actuacións que impulsan a innovación e a competitividade no ensino técnico”, sinalou Eugenia Pérez, quen subliñou o compromiso do Goberno galego co impulso deste tipo de centros que xogan un papel fundamental na potenciación e prestixio das ensinanzas en Galicia.
Politécnico de Lugo
A Xunta elixiu para esta reunión o CIFP Politécnico de Lugo, un centro referente da FP en Galicia que imparte ciclos de ata seis familias profesionais e en todas as modalidades, incluída a FP Dual Intensiva e os másteres de FP. O CIFP destaca na súa aposta por achegar ao alumnado ás situacións reais. Neste sentido, forma parte da rede de espazos de tecnoloxía aplicada da Xunta, unha aula onde poden simular centros de traballo e contornas laborais, e foi premiado no certame InnovaTech FP, no que os centros educativos deseñan proxectos para responder a retos plantexados por empresas.

Comparte este artigo