HomePontevedraA Xunta dá a benvida en Vigo aos maiores do exterior que...

A Xunta dá a benvida en Vigo aos maiores do exterior que participan nunha nova edición do programa “Reencontros con Galicia”

- Anuncio -spot_img
  • Este programa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, ofrece a preto de 200 galegos residentes no exterior maiores de 65 anos a posibilidade de reencontrarse coas súas raíces
  • A iniciativa tamén inclúe actividades de lecer e visitas culturais durante a súa estadía, que se prolongará ata o vindeiro 16 de outubro
  • Os participantes, chegados desde Venezuela, Cuba, O Brasil, México, Bolivia, A Arxentina e O Uruguai, estarán aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e O Carballiño

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe no aeroporto de Vigo aos participantes do programa impulsado pola Xunta Reencontros con Galicia, chegados desde Venezuela, Cuba, O Brasil, México, Bolivia, A Arxentina e O Uruguai. Esta iniciativa ten como finalidade facilitar o contacto dos galegos do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias.

Con máis de 35 anos de traxectoria, o programa —que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade— ofrece a preto de 200 galegos residentes no exterior, cunha idade media nesta edición de 79 anos, a posibilidade de gozar de actividades de lecer e visitas culturais durante a súa estadía, que se prolongará ata o 16 de outubro. Entre os participantes destaca un galego de 100 anos residente en Cuba, que regresa á súa terra natal tras décadas no exterior. O grupo percorrerá diferentes localidades e cidades galegas para coñecer de preto o patrimonio cultural e natural do país e estará aloxado nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e O Carballiño.

Rodríguez Miranda subliñou que moitos dos participantes non regresaban a Galicia desde había décadas, polo que este reencontro resultará especialmente emotivo tanto para eles como para as súas familias. Engadiu que esta experiencia tamén lles permitirá comprobar de primeira man a vitalidade dunha Galicia próspera e moderna. O secretario xeral salientou ademais que para a Xunta de Galicia é unha satisfacción contribuír a que estas persoas poidan volver á súa terra e, en moitos casos, reencontrarse cos seus seres queridos despois de moito tempo.

A Secretaría Xeral da Emigración traballa para fomentar a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia, reforzando os vínculos coa terra de orixe. Neste contexto, Miranda destacou que os maiores son fundamentais para transmitir ás xeracións nacidas no exterior o sentimento especial cara a Galicia, garantindo así a continuidade deses lazos ao longo do tempo.

Publicacións Relacionadas