- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
- O promotor busca ampliar a oferta turística no municipio mediante a construción de 19 cabanas, unha cabana de recepción, dúas zonas de aparcamento, unha área de lecer e unha zona no lugar de Marmancou
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar de Marmancou, na parroquia de Santa María de Figueiras, no concello de Santiago de Compostela. O fin do promotor é mellorar e adecuar a oferta de aloxamento ás exixencias de demanda turística existente no municipio.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas ou xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e daráselle publicidade tamén a través da páxina web da Consellería, onde xa está dispoñible.
A instalación localizarase nunha parcela de preto de 15.300 metros cadrados e consistirá nun complexo formado por 19 cabanas permanentes illadas e lixeiras, unha cabana de recepción e administración, dúas zonas de aparcamento, unha zona de lecer e unha zona verde. As cabanas para uso turístico e a de recepción terán a mesma superficie, 55 metros cadrados cada unha, o espazo acondicionado como área de ocio superará os 1.300 metros cadrados, as zonas de estacionamento de vehículos roldan os 260 metros cadrados e as áreas verdes superarán os 4.600 metros cadrados. .
Promovida por Urbanizadora Landeira SL, a iniciativa busca ampliar a oferta turística do concello de Santiago de Compostela poñendo a disposición dos interesados unha nova opción de aloxamento mediante a construción destas pequenas edificacións prefabricadas, illadas, de planta baixa e con cubertas a unha sola auga, instaladas de forma dispersa na parcela a modo de colonia. O deseño do proxecto busca que estas estruturas se adapten á orografía e á vexetación circundante pois estaría situadas no pequeno val -situado fronte ao monte Pedroso- que conforman o rego de Fontecova e o rego de Figueiras.