HomeVigoNigránA Xunta dá luz verde ambiental a un campamento de turismo no...

A Xunta dá luz verde ambiental a un campamento de turismo no lugar das Telleiras, no concello de Nigrán

- Anuncio -spot_img
  • A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
  • O promotor propón construír un novo establecemento hostaleiro con tendas de acampada tipo glamping, cabanas en módulos prefabricados e casetas de recepción

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar das Telleiras, no concello de Nigrán. O fin do promotor é implantar un novo establecemento hostaleiro no municipio con casetas de recepción, tendas de acampada tipo glamping e catro cabanas en módulos prefabricados.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o entorno derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningunha achega ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

Froito desas consultas, cada unha das entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera e ruído, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas, xestión de residuo, preservación da vexetación, da fauna e doutros valores naturais ou integración paisaxística.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e daráselle publicidade nos próximos días a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En canto ao obxecto e detalles do proxecto, cómpre indicar que se busca a implantación dun novo campamento de turismo con tendas de acampada tipo glamping, casetas de recepción, servizos de almacén e aseos e catro cabanas en módulos prefabricados con zapatas puntuais. Terá unha capacidade máxima para 215 persoas e instalarase nunha parcela de 12.785 m2 de superficie total, localizada nos camiños Volta do Médico e Camiño da Reitoral, limítrofe co núcleo rural de Ceán-Lagoiña-Telleira.

As construcións e instalacións previstas no proxecto reduciranse ao mínimo, concentrando as edificacións estables de servizo na zona de acceso, máis próxima ao núcleo rural onde existen outras vivendas e a propia estrada de acceso. As construcións necesarias realizaranse mediante elementos prefabricados con cimentación puntual de maneira que apenas teña incidencia no terreo.

De cara ao exterior, as fachadas terán un revestimento con madeira termotratada de lamas de madeira de piñeiro. As catro construcións estables do campamento serán realizadas completamente con estrutura e fachada de madeira.

No relativo ao tratamento da parcela, que se atopa cuberta por unha importante vexetación forestal, búscase manter a paisaxe forestal existente, incluso potenciándoa. Ademais, as parcelas integraranse entre as árbores de cara a garantir a conservación da biodiversidade.

Publicacións Relacionadas