— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actividade teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
— O proxecto desenvolverase nunha parcela cunha superficie de algo máis de 6.600 metros cadrados e as actuacións refírense tanto ás infraestruturas principais como a outras asociadas de evacuación da electricidade e conexión á rede
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a instalación dun sistema de almacenamento de enerxía e as infraestruturas asociadas necesarias para a evacuación da electricidade e a conexión á rede no concello coruñés de Cerceda.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polos promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 12 organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera e da poboación; da fauna, da vexetación e doutros valores naturais; do solo e das infraestruturas; ou a xestión dos residuos, entre outras cuestións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería.
A iniciativa, promovida Gobela GE SLU, desenvolverase nunha parcela de algo máis de 6.600 metros cadrados de superficie, dos que aproximadamente 1.800 metros cadrados estarán ocupados pola instalación de almacenamento de enerxía. Neste sentido, o promotor pretende mellorar a xestión dun sistema eléctrico con crecente proporción de enerxía xerada con fontes renovables coa instalación deste sistema de almacenamento e a infraestrutura de evacuación asociada.
O proxecto refírese á construción dun sistema BESS (solución de almacenamento de enerxía en baterías, polas súas siglas en inglés) integrado principalmente por un conxunto de baterías de 4 megawatts (MW) de potencia total e 16,2 MW/hora de capacidade de almacenamento.
A infraestrutura complétase mediante inversores e transformador así como os elementos necesarios para a súa conexión á rede de distribución a través dunha posición de liña na subestación Meirama, cunha capacidade de acceso de 4 MW. De feito, esta instalación de almacenamento de enerxía conectará coa subestación a través dunha liña subterránea de 535 metros de lonxitude.

