HomeA CoruñaA Xunta dá luz verde ambiental a unha planta de valorización e...

A Xunta dá luz verde ambiental a unha planta de valorización e almacenamento de residuos en Rianxo

- Anuncio -spot_img
  • A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
  • O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que a DIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír unha planta de valorización e almacenamento de residuos no concello coruñés de Rianxo, concretamente nunha parcela do parque empresarial de Té.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.

Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais ou xestión de residuos, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, onde xa está dispoñible.

A instalación localizarase nunha parcela cunha superficie de 4.693 metros cadrados, no parque empresarial de Té, na parroquia de Santa María de Asados. O proxecto prevé a construción dun complexo de algo máis de 1.700 metros cadrados distribuído nunha nave principal e dúas edificacións anexas -unha como almacén e outra para a trituración de plásticos- no que se desenvolverán as operacións de recollida, transporte, almacenamento, tratamento, recuperación, rexeneración e eliminación dos residuos.

As actividades da planta, promovida por Galiza Verde SL, centraranse en catro grandes grupos de residuos: envases, absorbentes e outros; disolventes; líquido revelador e augas sucias; e outros residuos perigosos e non perigosos que serán almacenados segundo corresponda á súa categoría ata a súa entrega a un xestor autorizado para o seu tratamento ou eliminación.

Publicacións Relacionadas