HomeA CoruñaA Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de cambio de uso...

A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto de cambio de uso de solo forestal a agrícola para unha plantación de aguacate no concello de Abegondo

- Anuncio -spot_img

— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevén que estas iniciativas teñan impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

— O proxecto prevé a produción deste froito en 11 parcelas localizadas na parroquia de Montouto que suman máis de 74.000 metros cadrados de superficie

— Este é un paso máis na tramitación do expedientes e o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións a un proxecto para o cambio de uso ou funcionalidade de solo forestal a agrícola de 11 parcelas na parroquia de Montouto, no concello de Abegondo, para destinalas á produción de aguacate.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados os organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esa avaliación considera que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes fixados nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas así como a xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Obxecto da iniciativa
O proxecto, promovido por Frutas Geixade SC, consiste no cambio de funcionalidade ou uso do solo de 11 parcelas no lugar de Brimieiro para desenvolver unha plantación de aguacates. A modificación afecta a unha superficie total de 74.531 metros cadrados que actualmente se atopa practicamente na súa totalidade sen vexetación arbórea.
O promotor realizará operacións básicas de acondicionamento dos terreos para proceder ao plantado das árbores froiteiras entre os que non se prevén actuacións de gran envergadura como movementos de terra significativos nin xeración de sobrantes.

Publicacións Relacionadas