- A resolución, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, inclúe condicionantes co fin de minimizar e compensar os posibles impactos que as actuacións poidan ter nos distintos elementos existentes na contorna
- O trámite refírese á execución durante catro anos de operacións de dragaxe no porto, unha inicial e tres de mantemento posteriores de carácter anual, co fin de recuperar os calados de referencia necesarios para a navegabilidade e garantir o tránsito e atraque con seguridade das embarcacións que operan na zona
- Os traballos desenvolveranse en algo máis de 22.600 metros cadrados e suporán a retirada de máis de 70.000 metros cúbicos de material, dos que máis de 52.000 se depositarán na praia de Altar, no concello de Barreiros, e os preto de 19.000 restantes no punto de depósito habilitado entre as rías de Foz e Ribadeo
- A declaración de impacto ambiental é o resultado da consulta a 16 organismos interesados e de distintos informes elaborados de xeito rigoroso e exhaustivo polos técnicos de distintos departamentos para garantir a preservación dos valores naturais, paisaxísticos e socioeconómicos existentes na contorna
- O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que a DIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto de Portos de Galicia para dragar a canle de acceso e a dársena pesqueira do peirao lucense de Foz. Non obstante, está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna.
A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade -que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia– refírese á execución durante catro anos de operacións de dragaxe no porto de Foz, tanto na canle de acceso como na dársena pesqueira. O fin último é recuperar os calados de referencia necesarios para a navegabilidade e garantir o tránsito e atraque con seguridade das embarcacións que navegan polo porto.
As dúas áreas ás que afectarán os traballos -a dársena pesqueira e a canle de acceso- xa foron obxecto de dragaxes previamente e nesta ocasión prevese actuar en 12.773 metros cadrados, a unha cota de -2 metros, no caso da canle de acceso e en 9.832 metros cadrados, cunha cota variable de entre -1,5 metros e -2,5 metros, no ámbito da dársena. Deste xeito, intervirase nun total de algo máis de 22.600 metros cadrados do porto.
O marco temporal da actuación é de catro anos pois prevese unha dragaxe inicial de 42.715 metros cúbicos de distinto material que está nos fondos portuarios -34.671 metros cúbicos na canle de acceso e algo máis de 8.000 na dársena- e tres dragaxes posteriores de mantemento e de carácter anual nos que se retirarán algo máis de 9.500 metros cúbicos -6.000 da canle e algo máis de 3.500 da dársena- en cada unha delas.
Deste xeito, as cantidades totais a retirar suman de algo máis de 70.000 metros cúbicos dos que a maior parte, máis de 52.000 metros cúbicos, pertencen á canle de acceso e depositaranse na praia de Altar, no concello de Barreiros, ao cumprir os requisitos de calidade necesarios para facelo. Mentres, os máis de 18.700 metros cúbicos restantes procedentes da dársena levaranse ao punto de depósito fixado a uns 8,3 quilómetros da zona da dragaxe, ao noroeste de Foz, entre as rías de Foz e Ribadeo.
A declaración de impacto ambiental do proxecto promovido polo ente dependente da Consellería do Mar é o resultado de distintos informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento e da consulta a 16 organismos interesados ou afectados pola súa execución. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, Portos de Galicia -como promotor e órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental coa emisión da DIA e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Declaración de impacto ambiental
O obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das DIA favorables -como é o caso da dragaxe do porto de Foz- inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.
No caso da iniciativa impulsada por Portos de Galicia, a DIA establece tanto condicións particulares para a execución do proxecto como outras específicas relacionadas coa protección da atmosfera; do espazo terrestre e marítimo; das infraestruturas ou instalacións preexistentes; sobre a xestión dos residuos; a protección das augas e a compatibilidade coas estratexias mariñas; dos recursos marisqueiros, pesqueiros e acuícolas; da saúde humana e a poboación; coa protección do patrimonio natural, espazos protexidos e os seus valores naturais ou sobre a integración e protección paisaxística, ás que se engade o programa de vixilancia ambiental do proxecto.
Esta declaración de impacto ambiental favorable, non obstante, non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto.