- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que as actuacións teñan impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
- O proxecto pretende aumentar o benestar dos animais e mellorar o seu manexo mediante a ampliación en 1.620 metros cadrados da nave de estabulación e de espazos auxiliares como a fosa de xurro
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para ampliar unha explotación de gando vacún de leite no concello coruñés de Mazaricos supeditada ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental. O fin último da iniciativa é aumentar o benestar dos animais e mellorar o seu manexo.
De feito, o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático considera que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica; do solo; das augas; xestión de residuos; xestión dos xurros e dos animais mortos; integración paisaxística; protección da fauna e da flora; do patrimonio cultural; optimización enerxética e loita contra o cambio climático, entre outros.
A maiores, o documento inclúe condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e tamén a esixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias- que conteña todas as actuacións previas para, se é o caso, o desmantelamento e abandono das instalacións.
De feito, o informe establece que no prazo máximo de dous meses a contar desde o cese das accións previstas para o abandono, enviarase un informe á Consellería do Medio Rural que conteña a descrición detallada das accións de carácter ambiental, especialmente no relativo á xestión aplicada aos diferentes residuos de desmantelamento xunto cun documento gráfico que reflicta o estado final do lugar.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.
A explotación de vacún atópase no lugar de Lago, na parroquia de Mazaricos, sobre unha parcela de máis de 12.200 metros cadrados. As obras proxectadas -que buscan aumentar o benestar dos animais e mellorar o seu manexo- suporán a ampliación en 1.620 metros cadrados da nave de estabulación libre para vacas adultas de muxido, vacas de preparto e zona de destete de xatas. Ao mesmo tempo estenderase a fosa de xurros ata unha capacidade de almacenamento de máis de 3.300 metros cúbicos.
A actuación, promovida por Carreira de Afonso SL, suporá que unha vez completadas as intervencións a nave principal ocupará 4.320 metros cadrados, dos que 3.720 metros cadrados útiles para as vacas e os 600 restantes é onde se atopan espazos como a leitaría, sala de muxido ou sala de espera.
Agora a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.