- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistirá esta tarde á conferencia da arquitecta británica Carolyn Steel, na sede da Fundación RIA
- O programa de actividades desta iniciativa arrancou hoxe coa presenza de Carolyn Steel, continuará o 20 de marzo coa cofundadora do Rivers Café de Londres, Ruth Rogers, e rematará o 22 de abril coa participación dun conxunto de chefs galegos
- Estes encontros desenvólvese no marco da exposición sobre as prazas de abastos, aberta este trimestre en Casa RIA, e ademais inclúen visitas ao mercado compostelán, como a realizada esta mañá e á que asistiu o director xeral de Comercio e Consumo
- O Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 incluirá medidas para impulsar estes espazos, promovendo a súa certificación co selo de Mercados excelentes, ámbito para o que o Goberno galego publicará unha nova convocatoria de axudas por 3,3 M€
A Xunta de Galicia e a Fundación RIA lanzan os Encontros de Mercado para potenciar o valor das prazas de abastos no comercio de produto de proximidade. Esta iniciativa, que arrancou esta mañá, consiste nun programa de encontros internacionais que se desenvolverán ata o 22 abril de 2025 para potenciar o valor das prazas de abastos na cultura gastronómica. A xornada de hoxe continuará esta tarde coa conferencia impartida pola arquitecta británica Carolyn Steel, á que asistirá o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
A estrutura destas xornadas, como a de hoxe con Carolyn Steel -na que tamén participaron o arquitecto e impulsor da Fundación RIA David Chipperfield, e o seu director, Manuel Rodríguez- consta dunha visita ao mercado co chef á fronte dos restaurantes A Cantina de Casa RIA e Abastos 2.0, Iago Pazos, para coñecer de primeira man os produtos de tempada e proximidade dispoñibles. Á celebrada esta mañá, asistiu o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Despois, desenvólvese a co-creación do menú entre a personalidade convidada e o chef. Posteriormente —abertos ao público con inscrición previa— celébranse unha conferencia e un debate, así como a experiencia gastronómica para desgustar o menú resultante.
A programación dos Encontros de Mercado completarase o 20 de marzo coa presenza da cofundadora do restaurante Rivers Café en Londres, Ruth Rogers e rematará o 22 de abril coa participación dun conxunto de chefs galegos.
Exposición Prazas de abastos
Esta iniciativa desenvólvese no marco da exposición dedicada ás prazas de abastos, que visitou recentemente o conselleiro de Emprego Comercio e Emigración e que está aberta ao público durante o primeiro trimestre deste ano en Casa RIA. Con ela ponse en valor o importante rol social e económico que teñen os diferentes mercados en Galicia.
Este tipo de accións concordan coa aposta da Xunta por potenciar os mercados e prazas de abastos con medidas a específicas, impulsando a súa certificación co selo de Mercados excelentes, obxectivo para o que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas por valor de 3,3 M€. A aposta por estes espazos verase reflectida no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, que estará listo no primeiro trimestre de 2025 tras o proceso participativo levado a cabo con todo o sector.

