- A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, explica no Parlamento que se destinará unha partida de 30.000€ para a adquisición de materiais para estes centros
- Os responsables dos catro institutos foron atendidos en varias xuntanzas e “a calidade e a excelencia da formación do alumnado está garantida”, afirma
A Xunta de Galicia vai elevar a máis de 300.000€ o investimento en adaptacións e equipamentos para impartir o ciclo medio de Guía do Medio Natural nos institutos de Poio, Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda) e de Porto do Son. Explicouno no Parlamento a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, quen sinalou que o seu departamento se reuniu cos responsables dos catro centros en diversas xuntanzas.
A representante da Consellería de Educación destacou a particularidade destes centros, que só imparten este ciclo na familia profesional de Actividades físicas e deportivas, fronte a outros que contan con varios ciclos desta rama, con equipamento específico que empregan para todos eles.
En calquera caso, lembrou que nos últimos anos sempre se tiveron en conta as peticións destes centros, trasladando fondos aos catro institutos para poder satisfacelas. Neste sentido, incidiu en que cada un destes centros recibiu unha contía de 44.000€ co obxectivo de adaptar as ensinanzas ás novas realidades normativas e curriculares introducidas a partir do curso 2021/22.
A maiores, e a través da partida específica para o equipamento dos centros nos que se imparten ensinanzas de FP, nos últimos anos destináronse máis de 100.000€ para os catro institutos. No marco do procedementos de contratación que realiza a Consellería, este ano está prevista a adquisición de novo equipamento que permitirá dotar aos ciclos ofertados do material necesario. “En concreto, o investimento previsto será superior aos 30.000€ e terá en conta as peticións e necesidades realizadas polos responsables dos centros”, incidiu a directora xeral.
Eugenia Pérez afirmou, ademais, que se están a analizar as posibilidades que os simuladores virtuais poden ofrecer para estas ensinanzas, facendo fincapé en que son ferramentas que se empregan de xeito habitual tanto en empresas como en ciclos de FP (nos que xa existen simuladores forestais ou de navegación, entre outros).
Ademais destes recursos, é habitual que os centros educativos participen en diferentes programas, proxectos ou convocatorias –tanto da Xunta de Galicia como doutras administración e entidades publicas e privadas— que achegan fondos extraordinarios que complementan e dinamizan a actividade do centro.
“A calidade e a excelencia da formación do alumnado está garantida”, afirmou a directora xeral, salientando que Galicia “ten hoxe unha Oferta de FP moderna, dinámica e innovadora grazas ao intenso e sostido apoio institucional ao longo dos últimos anos por parte da Xunta”.