HomeA CoruñaA Xunta de Galicia investirá case 270.000 en renovar parte as rede...

A Xunta de Galicia investirá case 270.000 en renovar parte as rede de saneamento e de abastecemento de Oroso

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que se aproveitarán os actuais traballos de remodelación da avenida de Grabanxa para renovar ambos servizos mediante a execución de 25 novos pozos de saneamento e o desmantelamento das canalizacións existentes
  • Lembra que o Executivo autonómico, a través de Augas de Galicia, pon á disposición dos concellos 7,5 M€ a través de seis liñas de axudas

A Xunta de Galicia investirá case 270.000 euros nas obras necesarias para acometer a renovación das redes de saneamento e de abastecemento da avenida de Grabanxa, segundo o convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Oroso, Alexander Doval.

En concreto, Augas de Galicia asumirá con fondos propios o financiamento íntegro dos traballos de renovación do saneamento e do abastecemento nesta zona de Oroso, mentres que o Concello se encargará de licitar e contratar as obras.

Deste xeito, segundo explicou a conselleira, aproveitarase o proxecto de remodelación e humanización desta travesía de Sigüeiro, unha das principais arterias viarias do municipio, que implicará a apertura de gabias, para acometer as actuacións previstas sobre as infraestruturas hidráulicas, que implicarán a desmontaxe e renovación das canalizacións actuais, tanto as da rede de saneamento como as da traída municipal.

Cun prazo de execución estimado de 10 meses, segundo figura no proxecto construtivo, executaranse arredor de 25 novos pozos de saneamento, instalaranse 704 metros de colectores en tubaxe PVC e unha nova acometida e conexión á rede municipal.

A conselleira engadiu que en materia de abastecemento, tamén se acometerá a renovación completa das conducións actuais, executando 690 metros de tubos, aproximadamente. A maiores, instalarase unha nova acometida e conexión coa rede xeral así como 28 válvulas e 7 bocas de rego co fin de incrementar a funcionalidade de todo o sistema.

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu en que con este convenio, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, avanza na súa colaboración coas entidades locais, que son as competentes en abastecemento, saneamento e depuración, para axudar a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías e mellorar a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.

De feito, ese compromiso por parte do organismo hidráulico manterase en 2025 cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de 144 millóns de euros.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente dos recursos e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e traída municipais así como no apoio aos concellos a través da convocatoria este ano de media ducia de liñas de axudas (que suman un orzamento global de preto de 7,5 millóns de euros), o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes e de zonas de inundación controlada para reducir os asolagamentos.

Este tipo de intervencións sobre as infraestruturas hidráulicas teñen un impacto directo na mellora da calidade de vida dos galegos, especialmente en aspectos relacionados co saneamento, a depuración das augas residuais, a protección ambiental a través do coidado da calidade das masas de auga e a garantía de acceso a auga potable.

Publicacións Relacionadas