O BNG lamenta que, un ano máis, actuacións de primeira necesidade como o enlace do polígono con Vilalonga, a reforma do Centro de Saúde de Baltar ou a rehabilitación integral do pavillón do CEIP A Florida queden en papel mollado
Os nacionalistas achacan á falta de sintonía entre Telmo Martín e Alfonso Rueda que as partidas previstas no Orzamento de 2025 sexan moi inferiores ás doutros concellos da contorna
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que, un ano máis, a falta de peso político de Telmo Martín provoque que Sanxenxo apenas teña protagonismo no Orzamento que a Xunta de Galicia prevé para 2025. Os investimentos previstos para a nosa vila son notoriamente inferiores aos que se van destinar a outros concellos da contorna, un feito que desde o Bloque achacan á incapacidade de xestión de Martín e á súa falta de sintonía co presidente autonómica, tamén do Partido Popular, Alfonso Rueda.
“Novamente”, sinala o voceiro nacionalista, Fran Leiro, “Sanxenxo queda en desventaxa con respecto a outros concellos. Mentres que Marín, Lalín ou Vilagarcía contarán con investimentos millonarios para a realización de actuacións de calado, aquí vemos como ano tras ano obras que son demandas históricas da nosa veciñanza quedan no esquecemento, ante a pasividade total do alcalde, que pon por diante os intereses partidistas antes que os dos e das cidadás de Sanxenxo”, lamenta o edil do BNG. Deste xeito, nas previsións da Xunta só figuran
menos de 500.000 euros para unha mellora no Porto de Sanxenxo. A ampliación do Centro de Saúde de Baltar, anunciada “a bombo e platillo” polo Partido Popular hai xa máis dun ano, non figura no apartado de investimentos. O mesmo sucede coa rehabilitación que precisa o pavillón polideportivo do CEIP A Florida, cuxo estado de deterioro foi denunciado en varias ocasións polo BNG e pola comunidade educativa do colexio.
Outra actuación que continúa “esquecida nun caixón”, tal e como sinala Leiro, é a estrada que serviría de conexión entre o polígono empresarial de Nantes e Vilalonga. “Vemos como o señor Martín bota peito por realizar melloras puntuais no parque empresarial, pero a realidade é que esta zona continúa a ter moitas eivas, e unha das principais é, precisamente, a falta dunha vía que una este espazo con Vilalonga, o que permitiría dar servizo a milleiros de persoas e a desconxestionar o tráfico na PO-504, especialmente durante o verán. Hai xa máis de 10 anos que o Partido Popular anunciou ese proxecto e nunca máis voltamos saber nada del”, advertiu Fran Leiro. Desde o Bloque, ademais, fan mención a outra promesa incumprida por parte do señor Telmo Martín, como é a actuación de mellora da seguridade viaria na PO-308 entre a avenida de León e o lugar de Nanín. “Esa era unha obra que, segundo o alcalde, ía estar lista antes de que rematase 2023. Estamos chegando a 2025 e queda claro que todo era fume”, criticou o voceiro do grupo da oposición.
O BNG lamenta que a falta de peso político de Telmo Martín impida que a Xunta invista en Sanxenxo “o que os veciños e veciñas deste concello merecen”. Neste sentido, Leiro sinala que “é ao contrario, porque vemos como en Marín e Poio os investimentos previstos superan os 2 millóns de euros, ou os 4 millóns en Lalín. Mesmo en Cambados, cunha menor poboación que a que temos aquí, as actuacións contempladas chegan aos 800.000 euros. Semella que aquí somos un concello de segunda para a Xunta de Galicia, coa complicidade de Telmo Martín, que, a pesares disto, continúa presentándose como un gran xestor”. “A realidade”, conclúen os nacionalistas, é que “no que vai de mandato o señor Martín só pode presumir de subirse o soldo e aumentar os impostos, cando, precisamente, prometeu facer o contrario”.