- O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, interveu hoxe na inauguración do XIII Congreso internacional sobre minería e metalurxia históricas no suroeste europeo, organizado pola Sociedade española para a defensa do patrimonio xeolóxico e mineiro
- Avoga por aproveitar todos os recursos mineiros presentes Galicia como vantaxe competitiva para impulsar o liderado do sector
- Defende a importancia de poñer en valor as bondades da minería e por facer unha labor divulgativa para dar a coñecer á sociedade o seu valor patrimonial
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, salientou hoxe o valor estratéxico que ten o patrimonio mineiro de Galicia e avogou por aproveitalo como vantaxe competitiva para impulsar o liderado do sector.
Fernández Vila interveu esta tarde na inauguración do XIII Congreso internacional sobre minería e metalurxia históricas no suroeste europeo, organizado pola Sociedade española para a defensa do patrimonio xeolóxico e mineiro, onde apuntou que a minería en Galicia -líder nacional na produción de pedra natural- céntrase actualmente na extracción de granito, lousa, magnesita e feldespato, ademais dos recursos mineiromedicinais e termais que existen na comunidade.
Isto, engadiu, ten un impacto económico en termos de riqueza e emprego, dixo; por iso, a Xunta está a facer unha aposta decidida por esta industria a través da Axenda da Impulso á Minería de Galicia 2030. Unha folla de ruta, explicou, que ten como principal obxectivo acadar a integración ambiental da minería, promover a economía circular no sector e poñer en valor o patrimonio mineiro de Galicia.
O director xeral avogou pola importancia de poñer en valor as bondades da minería e por facer unha labor divulgativa para dar a coñecer á sociedade o valor patrimonial que ten todo o recurso mineiro que alberga a comunidade.

