- José González remarcou a aposta do Goberno galego pola integración sociolaboral dos emigrantes galegos -así como pola captación de traballadores de terceiros países-, a través de accións en orixe e sempre vencellado ao emprego
- Agradeceu aos emprendedores homenaxeados o seu traballo a prol da innovación e o desenvolvemento de Galicia, “unha terra acolledora e chea de oportunidades”
- Nesta liña, o conselleiro remarcou o papel fundamental de entidades como Asociación Amigos de Venezuela Vigo que, con máis de 500 socios, mantén viva a cultura venezolana e, ao mesmo tempo, apoia aos emigrantes retornados
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta tarde nun acto da Asociación Amigos de Venezuela Vigo, no que se outorgaron insignias a persoas emprendedoras desta entidade. Alí puxo en valor o labor desta entidade para tender pontes entre Galicia e Venezuela e salientou a aposta do Goberno galego polo retorno e integración sociolaboral dos galegos da diáspora.
González remarcou que favorecer o regreso de galegos do exterior, a través das medidas pioneiras englobadas na Estratexia Galicia Retorna, é completamente fundamental para seguir sumando competitividade á hora de atender ás necesidades das empresas galegas, impulsar o emprendemento ou a remuda xeracional.
Neste sentido, salientou que estreitar lazos de apoio mutuo é beneficioso para todos, porque captar talento exterior é unha oportunidade para a nosa comunidade, e agradeceu ás persoas emprendedoras homenaxeadas hoxe polo seu traballo a prol da innovación e o desenvolvemento de Galicia, “unha terra acolledora e chea de oportunidades”.
González lembrou que a nosa comunidade vai en liña coa Unión Europea á hora de abordar retos estruturais como a cobertura de vacantes ou a remuda no tecido produtivo galego, tanto na dinamización da forza laboral interna -a través da flexibilización da formación, a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia ou con medidas destinadas aos mozos ou mulleres- como, dun xeito complementario, na acción exterior. Esto último artéllase a través dun plan de captación de talento que prioriza o retorno de galegos da diáspora e se completa coa captación de traballadores de terceiros países, sempre dun xeito ordenado a través de accións en orixe e da man das empresas galegas.
Segunda edición do Retorna Cualifica Emprego
En relación co regreso das persoas galegas da diáspora, José González destacou que no 2025 se impulsarán accións como a segunda edición do Retorna Cualifica Emprego ou novas achegas para favorecer dun xeito específico o emprendemento deste colectivo, e que se combinan coas destinadas a todo o sector da nosa comunidade.
En canto á Asociación Amigos de Venezuela Vigo, que conta con máis de 500 socios, destacou o seu papel fundamental mantendo viva a cultura venezolana e, ao mesmo tempo, apoiando aos emigrantes retornados en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.