HomeXunta de GaliciaA Xunta demanda ao goberno un "esforzo adicional" para compensar a suba...

A Xunta demanda ao goberno un “esforzo adicional” para compensar a suba do SMI no financiamento dos Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción

- Anuncio -spot_img
  • José González tamén pediu ao Executivo un debate conxunto ante retos do mercado laboral como o absentismo laboral non xustificado ou a cobertura de vacantes, incidindo na aposta de Galicia por flexibilizar a formación e atraer talento
  • Na reunión de hoxe tamén se abordou a distribución de fondos para políticas activas de emprego no 2025, así como os criterios que rexerán o período 2026-2029
  • Puxo de manifesto que Galicia foi prexudicada o pasado ano cunha minoración de preto de 300.000 € no reparto de fondos para as políticas activas de emprego de 2024 que, de non corrixirse, podería derivar nun efecto negativo nas futuras asignacións
  • O conselleiro insistiu na necesidade de que o SEPE active un mecanismo corrector que permita reparar o dano económico producido, co obxectivo de evitar que esta situación se consolide nas vindeiras anualidades

A Xunta de Galicia demandou hoxe ao Goberno central un “esforzo adicional” para compensar o impacto da recente suba do salario mínimo interprofesional no financiamento dos custos salariais dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco da Conferencia sectorial de emprego e asuntos laborais—órgano de colaboración entre a Administración Xeral do Estado e as CCAA en materia de política de emprego— na que, entre outros asuntos, se abordou a distribución de fondos para 2025 e os criterios que rexerán o 2026-2029.

González advertiu que o incremento do salario mínimo —aprobado polo Goberno fóra do Diálogo Social e sen unha avaliación previa do seu efecto nos diferentes axentes do mercado laboral— está a afectar á competitividade destas entidades sociais, “tal e como están a sinalar diferentes autonomías, unha cuestión absolutamente central ao que o Estado non debería permanecer alleo”. Máis, remarcou, tendo en conta que o posicionamento do Goberno é outro produto de levar tres anos cos mesmos Orzamentos Xerais do Estado.

O conselleiro salientou o compromiso da Xunta coa mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade e en risco de exclusión, ás que este ano se destinan 28,5 M€ —nunha orde publicada onte mesmo no Diario Oficial de Galicia— para impulsar os centros especiais de emprego e as empresas de inserción. O orzamento é un 5% superior ao consignado no 2024.

A través destes apoios, o Goberno galego prevé beneficiar con esta medida máis de 7.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear 300 novos postos de traballo indefinido nos CEE. Ademais, as axudas ás empresas de inserción permitirán a contratación de 170 persoas desempregadas en risco de exclusión e doutras 10 de nivel técnico ou de dirección.

Reparto de fondos para as políticas activas de emprego

Ademais, na reunión a Xunta tamén demandou ao Goberno a corrección do prexuízo económico causado á nosa comunidade no reparto de fondos para as políticas activas de emprego de 2024. O conselleiro lembrou que, tal e como se recolle tamén nunha carta remitida ao director xeral do Servizo Público de Emprego Estatal o pasado 26 de marzo de 2025, Galicia resultou prexudicada o pasado ano cunha minoración de preto de 300.000 euros que, de non corrixirse, podería derivar nun efecto negativo nas futuras asignacións. Nese sentido, insistiu na necesidade de que o SEPE active un mecanismo corrector que permita reparar o dano económico producido, co obxectivo de evitar que esta situación se consolide nas vindeiras anualidades. José González instou a implementar as medidas necesarias para garantir que Galicia reciba os recursos que lle corresponden.

Debate conxunto ante retos globais do mercado laboral

José González tamén demandou ao Goberno central un debate conxunto ante retos globais do mercado laboral como o absentismo non xustificado ou a cobertura de vacantes laborais. O conselleiro puxo de relevo o traballo que está a realizar Galicia para analizar os índices de absentismo laboral inxustificado así como a aposta da CCAA pola atracción de talento e a flexibilización da formación para contribuír ao reto da demanda de man de obra. Neste último ámbito, destacou o futuro decreto de microcredenciais no que traballa Galicia a prol dun modelo formativo áxil e axeitado ás necesidades do tecido empresarial.

Publicacións Relacionadas