- González felicitou aos premiados e finalistas e destacou a gala como unha oportunidade para visibilizar un sector clave para a economía galega e para a dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural
- Co mesmo afán de promover un sector comercial forte, innovador e competitivo, aproveitou para poñer en valor a nova imaxe do Comercio Galego, un selo distintivo que quere enxalzar a identidade e excelencia dos establecementos de proximidade
- O conselleiro enmarcou ambas iniciativas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, ao abeiro do que se consolidarán en 2026 accións de éxito como os bonos Activa Comercio e outras novidosas como Vilas Vivas, Localízate ou Prato de Mercado
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, clausurou hoxe a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. González cualificou a cita —na que tamén estiveron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez— como unha oportunidade idónea para visibilizar un sector clave para a economía galega, caracterizado pola súa riqueza e diversidade ao servizo da cidadanía e en beneficio da dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor o bo facer dos negocios recoñecidos cos Premios do Comercio Galego 2025 nas categorías do Premio Comercio Galego, Premio Comercio Traxectoria, Premio Comercio Emprende, Premio Comercio Dinamización e Premio Comercio Sostible. O titular de Comercio resaltou as achegas de todos e cada un dos premiados e finalistas a un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas das persoas consumidoras. Animounos a seguir por esa senda co apoio da Xunta para que se estenda o seu exemplo e se siga xerando riqueza e emprego, ademais de vertebrando o territorio e fixando poboación.
Nova imaxe do Comercio Galego
Todo para seguir potenciando un sector que abrangue máis de 32.000 establecementos e dá emprego a preto de 107.000 persoas, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ao seu abeiro, segundo destacou González, consolidaranse en 2026 accións de éxito como os bonos Activa Comercio.
A maiores, impulsaranse iniciativas novidosas como o proxecto de recuperación de contornas comerciais urbanas senlleiras Vilas Vivas, que arrincará na ponte de decembro en Ribadavia; o proxecto Localízate, destinado a atraer a mocidade ao comercio local; ou Prato de Mercado, para visibilizar as sinerxías entre as prazas de abastos e a hostalaría. No eido da artesanía, estrearanse as formacións para aprendices (1 M€), e crearase en Santiago de Compostela a Casa do Artesán, que exercerá de sede da Fundación Artesanía de Galicia e albergará unha exposición permanente con pezas de artesáns do selo.



