O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá no acto de entrega de diplomas do programa Mellora, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra) para promover a empregabilidade dos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, como parados de longa duración, menores de 30 anos e maiores de 45.
Pablo Fernández destacou a eficacia desta iniciativa, que se centrou en proporcionar aos e ás participantes ferramentas prácticas e competencias brandas esenciais para a mellora das súas oportunidades e a súa adaptación a unha contorna profesional cambiante. Así mesmo, puxo en valor outras medidas que impulsa a Xunta neste eido, entre as que destaca a convocatoria Galicia Emprega, que se publica mañá no Diario Oficial de Galicia e que contará en 2025 cun orzamento de preto de 20 millóns de euros para promover a contratación estimada de 1.700 persoas desempregadas.