- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asiste no Parque Tecnolóxico de Galicia ao evento de presentación de resultados do proxecto europeo POCTEP Aeroganp, para impulsar a investigación e transferencia de coñecemento no sector aeroespacial
- Lembra que a Xunta vén de lanzar a primeira convocatoria de axudas para facilitar o acceso das empresas galegas á industria da defensa e da seguridade mediante o apoio para a obtención de certificacións e homologacións
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe nun evento sobre tecnoloxías emerxentes no sector aeroespacial no marco do proxecto europeo POCTEP Aeroganp, o programa de cooperación financiado con fondos europeos para impulsar a investigación e transferencia de coñecemento no sector aeroespacial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Na súa intervención, Ardao puxo en valor a relevancia da cooperación transfronteiriza e destacou que a Xunta vén de lanzar unha convocatoria de axudas por importe de 1,5 M€ para incentivar que as empresas galegas operen nas industrias da defensa e da seguridade, proporcionándolles apoio para obter certificacións específicas, homologacións de sistemas e produtos ou a inscrición en rexistros propios en materia de defensa.
Na xornada, que se celebrou no Parque Tecnolóxico de Galicia e na que se realizou a presentación de resultados do proxecto Aeroganp, a directora xeral sinalou que esta pioneira convocatoria é a primeira liña de axudas que se lanza no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazon (Iasde).
Aeroganp, «Creación dun eixo de investigación e transferencia de coñecemento no sector aeroespacial na Eurorregión Galicia-Norte de Portugal», é un proxecto cofinanciado con fondos Feder do programa Interreg España-Portugal POCTEP. Dotado con dous millóns de euros, o seu obxectivo é o de impulsar a investigación nun sector estratéxico, o aeroespacial, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O consorcio está formado por 12 socios, liderados polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo, as tres universidades galegas xunto coas de Minho e Porto en Portugal, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, INESCTEC ou CEIIA, administracións públicas como a Xunta de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e o Consorcio Aeroespacial de Galicia (CAG).
Un dos obxectivos principais de Aeroganp é a creación dunha rede transfronteiriza de cooperación na Eurorrexión, reunindo aos principais actores interesados no sector para promover a investigación e a innovación. Tamén busca implantar unha serie de demostradores que operen en ambos os lados da fronteira, facilitando a transferencia de tecnoloxía aeroespacial á sociedade. Así mesmo, aspira a contribuír de xeito significativo ao desenvolvemento e mellora das capacidades de investigación, innovación e transferencia tecnolóxica aeroespacial ao sector produtivo.
Ademais da presentación dos resultados do proxecto, no marco do que se realizou un mapa de capacidades dixital da I+D+i neste eido e se desenvolveron pilotos demostradores conxuntos, e co obxectivo de fomentar a cooperación entre os diferentes axentes, a xornada contou cun brokerage event, un evento de intermediación sobre tecnoloxías emerxentes no sector aeroespacial.
Durante o mesmo celebrouse unha mesa redonda sobre o ciclo dun proxecto empresarial en Galicia, moderada por Higinio González Jorge, director de IFCAE, e coa participación de representantes de Avincis, Telespazio, Airbus, Tecnobit e Indra; e abordouse o análise das oportunidades de Galicia en sectores estratéxicos.



