HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca a importancia do Paseo da La para a revalorización...

A Xunta destaca a importancia do Paseo da La para a revalorización da ovella autóctona galega no marco do apoio aos oficios artesanais

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron hoxe na inaguración da cuarta edición do Paseo da La, na aldea de Couso, celebrada coa colaboración da Xunta
  • O Paseo da La reunirá ata o domingo a produtores con Denominación de Orixe e profesionais do tinguido, do fiado e do tecido artesanal
  • Entre a programación do evento atópase unha feira de las con D.O. e diferentes presentacións de proxectos destacando unha guía de las de ovellas autóctonas ou a posta en marcha dun minimill para procesar la a pequena escala 

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde na inauguración da cuarta edición do Paseo da La que conta coa colaboración da Xunta. Este evento ten como obxectivo dar a coñecer os oficios vinculados á produción artesanal da la con Denominación de Orixe, entre os que se atopan pequenos produtores e profesinais dedicados ao procesado, ao fiado artesanal, ao tinguido e ao tecido destas fibras.

Gabriel Alén destacou a importancia desta iniciativa para a divulgación e a revalorización da la procedente de ovellas de raza Ovella Galega, un proxecto iniciado na primeira edición do Paseo da La e para o que as organizadoras Lola García —do obradoiro artesanal Logaro— e Bea Carbón contan coa colaboración da Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega).

O Paseo da La é un espazo de encontro no que conflúen pequenos proxectos emprendidos co obxectivo de reactivar producións locais da la e doutras fibras, nas que se controla o proceso de principio a fin e se contribúe a apoiar e reactivar o rural. O evento celébrase na aldea de Couso (Sarreaus). A entrada é gratuíta e os horarios son hoxe venres ata as 22,00h, mañá sábado de 10,00 a 14,00h e de 16,30 a 21,00h e o domingo de 10,00 a 14,00h.

Programación do evento

O programa de actividades desta edición inícase esta tarde coa pasarela lanar 2025 e continúa durante a fin de semana coa feira de las con D.O. e os diferentes faladoiros e presentacións de proxectos, no que terá especial relevancia a divulgación das razas autóctonas e a súa importancia no mantemento do noso patrimonio rural.

O sábado ás 10,30h Linda La falará sobre Recalificación das las artesanais das ovellas autóctonas portuguesas e ás 12,00h, a empresa DLana presentará o seu Minimill Lanificios del Arroyo, unha procesadora de la a pequena escala que acaban de poñer en marcha en Segovia. David López pechará a mañá do sábado coa súa presentación sobre a la e os novos materiais compostos, a partir das 13,00h. A partir das 16,30h terá lugar a presentación da primeira guía das las autóctonas de España, a cargo de María Garaboa e Rosalía Bello Cao e a xornada rematará coa presentación de Laboratorios Fatro.

O domingo día 8 comezará coa charla Ferramentas sensoriais tecidas con la para persoas con Alzheimer e autismo, a cargo da Asociación IAIA, que tamén participará coa campaña Dona o teu ovillo. O último dos faladoiros terá lugar ás 12,00h a cargo da Tecedeira de Lousame. Ao longo de todo o evento haberá obradoiros participativos para todas as persoas asistentes.

Publicacións Relacionadas