- A directora xeral de Mobilidade aborda no Parlamento os axustes realizados nos servizos do IES Terra do Xallas, en Santa Comba, para resolver as incidencias detectadas
- O transporte escolar galego suma máis de 3.700 rutas con case 33.500 paradas e realiza cada día 7.000 servizos nuns 700 centros para atender arredor de 80.000 alumnos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destacou hoxe no Parlamento o labor de planificación e seguimento que realiza a Xunta de Galicia no transporte escolar para axustalo ás necesidades que xorden cada curso, con motivo da resposta a unha pregunta sobre o servizo ao IES Terra do Xallas, en Santa Comba. Segundo sinalou, concretamente neste caso se realizaron axustes hai xa un mes ao detectar incidencias en dúas das novas liñas coas que conta, derivadas da non actualización do alumnado asignado e dun problema de puntualidade que tamén foi resolto na primeira semana de outubro.
Judit Fontela salientou a complexidade do transporte escolar en Galicia, capaz de “chegar a todos os núcleos de poboación a través de dúas redes que se complementan: o transporte integrado ou compartido e os servizos de uso especial escolar”. Segundo indicou, o IES Terra do Xallas conta con servizos de ambas as dúas. “A dimensión desta rede de servizos require un gran traballo de planificación e seguimento, pola súa magnitude”. A directora xeral referiuse tamén á petición de novas paradas que se realiza cada ano e que neste curso supuxo a autorización de máis de medio milleiro delas.
A maiores, lembrou que o transporte escolar galego suma máis de 3.700 rutas con case 33.500 paradas e que realiza cada día 7.000 servizos nuns 700 centros escolares para atender a arredor de 80.000 alumnos. “É un sistema no que a Xunta inviste 90 millóns de euros este curso”, engadiu.
Judt Fontela incidiu na axilidade de resposta por parte do Goberno galego para atender os desaxustes que se detectan cada inicio de curso, co obxectivo de “garantir un servizo público de calidade”. Segundo explicou, hai que ter en conta a evolución do servizo entre cursos, coa aprobación de novas paradas, cambios nos escolares asignados a cada unha delas e modificacións nas necesidades de cada ruta en canto a número de alumnos e itinerario. “A Xunta leva a cabo durante o verán todo ese traballo de axuste para adecuar os servizos ás novas necesidades desde o primeiro día” e, co comezo do curso, “está atenta ás incidencias que se poidan producir para abordalas de inmediato e poñerlles solución o antes posible”.



