O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participa na inauguración do ‘I Congreso de Criminoloxía de Galicia’, onde destacou a importancia das avaliacións psicolóxicas forenses
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do I Congreso de Criminoloxía de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Profesionais de Criminoloxía, e na súa intervención incidiu na necesidade de apostar pola formación inicial e continua dos profesionais da criminoloxía en xornadas coma esta para abordar o papel do colectivo na sociedade actual e os retos de cara ao futuro.
Así, destacou o imprescindible traballo dos profesionais da criminoloxía no marco dun contexto marcado por unha voráxine lexislativa e xurisprudencial e polo avance dos medios tecnolóxicos. Tamén fixo referencia á importancia de enfrontar os desafíos relacionados con delitos como os económicos ou os relacionados co narcotráfico.
Por outra parte, puxo en valor as avaliacións psicolóxicas forenses ao consideralas ferramentas fundamentais nos procedementos xudiciais nos que as probas materiais limitan a capacidade de análise do tribunal e, polo tanto, estas probas son decisivas para aportar indicadores obxectivos e ofrecer unha visión máis ampla do contexto psíquico da persoa avaliada.
Cómpre lembrar que a Xunta, ademais de colaborar en xornadas formativas coma estas, mantén un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Profesionais de Criminoloxía para desenvolver obradoiros de sensibilización en seguridade viaria para impulsar o cumprimento das penas de traballo en beneficio da comunidade no caso dos delitos contra a seguridade no tráfico. A medida enmárcase no obxectivo de garantir unha xustiza real e efectiva, con resultados que beneficien o conxunto da cidadanía.



