― A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación do proxecto de Clece, co que a empresa percorrerá diversas cidades galegas para ofertar 280 postos de traballo
― Un autobús adaptado como oficina de emprego itinerante desprazarase ata Ferrol, Oleiros, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense entre o 9 e 18 de maio
― Lorenzana sinalou que a iniciativa impulsa a empregabilidade en Galicia e o ámbito social, xa que se tratan de empregos vinculados, na súa maioría, coa prestación de servizos sociais e atención a maiores
― A Xunta colabora con Clece desde hai máis de 13 anos para incentivar a contratación de mulleres, persoas con discapacidade e/ou en situación de risco de exclusión social
― Estes colectivos, ademais dos menores de 30 anos, forman parte dos plans autonómicos Emprega cos que en 2022 o Goberno galego está a apoiar con preto de 134 mllóns de euros a contratación e a formación
Un autobús itinerante da empresa Clece percorrerá nos próximos días Galicia para ofertar 280 postos de traballo. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación do proxecto Ruta Galicia Emplea, onde puxo o valor desta iniciativa para a comunidade galega, e apelou á suma de esforzos públicos e privados na procura dun mercado con mais oportunidades. En total, faranse máis de 500 entrevistas a candidatos que optarán a postos vinculados co sector dos servizos e da limpeza como son, entre outros, auxiliares de enfermería, enfemeiros, cociñeros, limpadores ou psicólogos.
O autobús adaptado estará entre o 9 e o 18 de maio en Ferrol, Oleiros, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense, dando cobertura a 75 localidades, como si se tratara dunha oficina de emprego itinerante. En palabras de Lorenzana, a iniciativa pretende reforzar a presenza dos servizos esenciais en toda Galicia, polo que será “un impulso á empregabilidade e ao eido social”, engadiu.
Para participar no proxecto, é preciso anotarse previamente na páxina web www.galiciaemplea.es ou chamando ao número de teléfono 900 80 56 17, e, deste xeito, os candidatos serán citados para asistir á entrevista de traballo.
A conselleira puxo en valor o traballo que desenvolve Clece en Galicia desde o ano 1992. Trátase dunha firma co que a Xunta colabora para impulsar a contratación de mulleres, persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Lorenzana, ademais, lembrou que a Xunta está a apoiar este ano o emprego e a formación destes dous colectivos, ademais dos menores de 30 anos, cos plans Emprega Muller, Xuventude e Discapacidade-Exclusión Social, que suman en total preto de 134 millóns de euros de investimento. “Iniciativas como a de Ruta Galicia Emplea son fundamentais para fomentar a inclusión social e laboral en Galicia, ademais de xerar novas sinerxías no eido do emprego mediante a cooperación interinstitucional”, rematou.