HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca a oportunidade dos Anos Santos Compostelás para a promoción...

A Xunta destaca a oportunidade dos Anos Santos Compostelás para a promoción de Galicia no exterior a través dos Programas Xacobeos

- Anuncio -spot_img
  • Turismo de Galicia destaca a  Cátedra do Camiño de Santiago na súa aposta por impulsar a investigación e divulgación dos Camiños de Santiago e a cultura xacobea ante o próximo Ano Santo

O director de Turismo de Galicia participou hoxe na presentación do libro ‘Anos Santos en Roma e Santiago desde a Idade Media’, editado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), onde salientou a oportunidade que ofreceu a celebración dos distintos xacobeos para a promoción internacional de Galicia. Así referiuse aos Anos Santos de 1993, 1999, 2004, 2012 e 2021-2022, cinco citas moi importantes para a proxección de Galicia a nivel internacional. Neste sentido, amosou o seu desexo de que a celebración do vindeiro Xacobeo 2027 continúe nesta senda de impulso da imaxe de Galicia.

Referíndose á obra presentada, Xosé Merelles cualificouna como “fundamental para enriquecer a bibliografía xacobea e para fondar na relación histórica entre as dúas grandes metas de peregrinación da cristiandade: Roma e Santiago” precisamente ás portas da celebración do vindeiro Ano Santo 2027.

O director incidiu en que o libro permite observar como, desde a Idade Media, Roma e Santiago “compartiron unha linguaxe común: a da peregrinación e a dos valores que leva consigo”, e puxo en valor que a documentación histórica recollida “amosa a influencia das prácticas romanas no Ano Santo compostelán, ao tempo que revela a personalidade propia que desenvolveu Santiago, capaz mesmo de deixar pegada na tradición xubilar de Roma”.

Tamén lembrou que esta relación segue viva. “Roma e Santiago continúan a manter un vínculo especial, no que tradición e modernidade conviven e onde a experiencia do peregrino segue a ser central”, afirmou. Neste sentido destacou o memorando de entendemento asinado en 2025 entre Galicia e a rexión do Lazio, “que reforza a alianza entre ambos territorios e consolida o papel de Galicia na celebración do ano xubilar romano”, dous anos antes da celebración do Xacobeo 2027.

Durante a súa intervención, tamén puxo de manifesto o peso de Italia no fenómeno xacobeo actual. Este país é hoxe o primeiro país europeo en número de peregrinos procedentes da órbita europea que fan o Camiño e neste sentido, indicou que “no que vai de ano máis de 26.500 italianos recolleron a Compostela, o que representa o 5% do total de máis de 528.000 peregrinos”.

Finalmente, o director de Turismo de Galicia destacou distintas iniciativas académicas que contan co apoio da Xunta de Galicia coma a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, na que colabora coa Universidade de Santiago de Compostela, coma exemplo da importancia que se dá o Goberno galego á investigación e xeración de coñecemento ao redor da cultura xacobea. O director de Turismo salientou o impulso que se lle quere conferir a este tipo de iniciativas co gallo da celebración do vindeiro Ano Santo.

Publicacións Relacionadas