O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou no acto de graduación da 17º promoción de Policía Local e da 11 ª da categoría de oficiais, que coincidiu coa entrega das medallas ao mérito e das distincións por permanencia no corpo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no acto de despedida da 17ª promoción de Policía Local, integrada por 92 novos axentes, e dos 31 da 11ª promoción da categoría de oficial. No mesmo evento tamén se fixo entrega das medallas ao mérito da Policía Local e dos distintivos de permanencia polos 25 anos de servizo.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor o papel da Policía Local para garantir a seguridade de cidadanía na comunidade e destacou que se trata dun dos corpos máis próximos á veciñanza e dunha profesión na que son fundamentais a vocación e “manter a ilusión”. No caso das promocións graduadas lembrou os valores que aprenderon na Agasp como o compañeirismo ou a disciplina grazas ao traballo dos docentes para inculcarllos e incidiu en que estes meses a Academia converteuse na súa “segunda casa”, onde formaron “unha gran familia”. Diego Calvo tamén se referiu precisamente á importancia do apoio das familias aos axentes no seu camiño para exercer a súa profesión.
A 17ª promoción de Policía Local que se preparou na Agasp conta con 92 axentes que superaron as distintas fases do proceso selectivo. Tras uns meses de formación teórica nos meses de verán realizaron prácticas nos seus concellos e veñen de rematar a parte teórica antes desta graduación para tomar posesión nos 32 municipios que convocaron prazas. Nestes meses na Agasp tamén se formou a 11ª promoción da categoría de oficiais dos corpos de Policía Local, do que forman parte 31 alumnos.
Nesta liña, o conselleiro aclarou que a promoción de oficiais serviu de reflexo para os novos axentes que, en tres anos, tamén poden optar a este proceso. Por outra parte, á 17ª promoción daralles remuda unha nova cos aspirantes que superen o proceso selectivo que se está a realizar actualmente coas distintas probas para cubrir máis dun cento de prazas en 36 concellos. Cómpre lembrar que estas oposicións unificadas lévanse a cabo no marco dos convenios entre a Xunta e os concellos que ceden no Goberno galego, a través da Agasp, as competencias para a selección e formación dos cadros de persoal das súas policías locais. Así, dos 126 municipios galegos con Policía Local, 101 -máis do 80% e entre eles as sete cidades galegas-, encomendan á Academia a selección dos seus axentes.
Medallas ao mérito e distincións de permanencia
Por outra parte, no acto de hoxe entregáronse as medallas ao mérito da policía local a sete axentes en recoñecemento a actuacións excepcionais en acto de servizo e o distintivo de permanencia a 46 axentes deste corpo de seguridade que superan os 25 anos de servizo. O conselleiro agradeceulles a todos eles a súa dedicación, entrega e compromiso coa seguridade da cidadanía.

