― Adherida ao selo Artesanía de Galicia, a artesá combina tradición e contemporaneidade ao actualizar deseños clásicos como os sapos e incorporar materiais innovadores, creando pezas únicas e personalizadas
― José González enxalza o seu traballo como formadora e divulgadora, contribuíndo na formación de novos talentos a través do programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’, iniciativa pioneira da Xunta para avanzar na transmisión ás novas xeracións
― Cun orzamento de 1,2 millóns de euros, o Goberno galego reforza este ano o labor da Fundación Artesanía de Galicia no marco do firme compromiso con este sector prioritario, clave no emprendemento ligado ao territorio
― Para consolidar este esforzo, Galicia vén de reclamar ao Goberno central acceso aos fondos Next Generation -que o Executivo ten reservados e sen executar- para apoiar proxectos singulares no eido do comercio e da artesanía como o programa ‘Vilas Vivas’
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o obradoiro da ourive compostelá Susi Gesto, adherida ao selo Artesanía de Galicia e unha das profesionais galegas máis destacadas do oficio.
José González destacou que Susi Gesto representa o legado e o futuro dun oficio tradicional como é a ourivería, actualizando e personalizando as súas creacións desde unha perspectiva contemporánea e revisitando elementos tradicionais coma os sapos a través da innovación nos deseños e no uso de novos materiais. Así mesmo, González fixo fincapé en que a artesá é un exemplo paradigmático da necesaria remuda xeracional no sector artesanal. A este respecto, destacou que Susi Gesto aprendeu o oficio dende nena co seu pai, Eloy Gesto, un dos artesáns máis relevantes da tradición ourive de Compostela e en cuxa honra un dos Premios Artesanía de Galicia, o adicado á formación de novos talentos, leva o seu nome.
Ademais, o titular de Emprego puxo en valor que unha parte moi importante do traballo de Susi Gesto está enfocada á demostración e á transmisión do seu oficio, tanto a través de obradoiros de iniciación para achegarlle a ourivería á sociedade como a través de docencia para persoas que queiran perfeccionar a súa técnica.
Nesto senso, agradeceu á artesá a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos tan importantes para o sector coma o Corazón da Artesanía de Agolada ou Artesanía de Galicia no Courel, así como no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta dende 2023 co obxectivo de manter, divulgar e recuperar técnicas tradicionais e de fomentar o relevo xeracional, incorporando novos talentos en oficios como a forxa, a sombreirería, a xastrería, a ourivería ou a olería.
Impulso estratéxico do sector artesán
O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, fonte de emprego, de desenvolvemento sustentable e de emprendemento ligado ao territorio. Neste marco, a Fundación Artesanía de Galicia conta este ano con 1,2 millóns de euros de orzamento para desenvolver a súa actuación, un 14% máis respecto de 2024.
Asemade, o Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 contemplará tamén medidas específicas para garantir a competitividade e a remuda xeracional do oficios tradicionais, ademais de reforzar a continuidade do programa Aprender da tradición, coa vontade de incrementar o número de actividades e a diversidade de técnicas.
Precisamente esta semana, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo un encontro coa secretaria de Estado de Comercio, María Amparo López Senovilla, co obxectivo de reclamar que a Comunidade poida acceder a recursos Next Generation -que o Goberno central ten reservados e sen executar- destinados a este sector. Esta colaboración contribuiría a potenciar o esforzo que está realizando Galicia exclusivamente con fondos propios —só en 2024 destináronse 10,4 millóns de euros a este eido— para desenvolver proxectos singulares dirixidos ao sector comercial e artesanal que se prevén impulsar este ano, entre os que figuran medidas nas que os artesáns terán un protagonismo crucial como é o caso de Vilas Vivas, un proxecto que busca dar unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos e eventos efémeros de fin de semana e cuxa experiencia piloto tivo lugar en Ribadavia o pasado mes de decembro.