- Ángeles Vázquez lembra que a concesión deste recoñecemento dá visibilidade aos concellos como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas ambientais e paisaxísticas
- Explica que o Concello de Boiro cumpre amplamente os requisitos necesarios para obter este distintivo
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou hoxe as 33 bandeiras verdes entregadas este ano pola Xunta de Galicia como exemplo do compromiso dos concellos coa protección ambiental e o coidado da paisaxe.
Durante o izado deste distintivo concedido ao Concello de Boiro, a conselleira incidiu en que en 2025 outorgáronse nove recoñecementos máis que o ano pasado, o que supón un incremento de máis do 37%. De feito, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, cada ano son máis os concellos que optan a este distintivo –2 na primeira convocatoria en 2020 fronte aos 33 deste ano-, o que é exemplo da crecente aposta das administracións locais polas boas prácticas ambientais e a protección e conservación da paisaxe.
Nese senso, e para seguir avanzando na cooperación e colaboración para o desenvolvemento de iniciativas neses eidos, a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, da que poderán formar parte aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020.
A conselleira lembrou que a concesión deste recoñecemento dá visibilidade a estes concellos como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para protexer o medio ambiente e a contorna paisaxística; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Ademais, obter unha Bandeira Verde supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.
No caso concreto de Boiro, logo de recordar que é a segunda vez que é recoñecido coa Bandeira Verde, a conselleira explicou que o municipio cumpre “amplamente” os requisitos para obter este distintivo.
Nese senso, entre as actuacións desenvolvidas polo Concello, a conselleira fixo fincapé na recuperación de sendeiros entre puntos de interese turístico -senda do río Breiro á praia de Mañóns-; no uso de iluminación solar fotovoltaica na cuberta do parque infantil; na adquisición dun terceiro punto limpo móbil para aproximar este servizo á cidadanía; e no desenvolvemento de accións de sensibilización como, por exemplo, o proxecto de investigación para o control da arcthotheca caléndula no paseo de Barraña.



