HomeOurenseA Xunta destaca en Valdeorras o valor das axudas á dixitalización, innovación...

A Xunta destaca en Valdeorras o valor das axudas á dixitalización, innovación e sustentabilidade para fortalecer a competitividade do comercio local

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo visitou recentemente distintos comercios no Barco de Valdeorras e na Rúa, onde estivo acompañado por representantes do tecido comercial e empresarial da comarca e onde puxo en valor estes apoios
  • Destas achegas, dotadas este ano con case 4 millóns de euros, benefícianse 664 establecementos de proximidade e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia
  • Esta folla de ruta do sector abarca tamén outros apoios como os destinados a potenciar o labor centros comerciais abertos nos que están representantos comercios como os que visitou o director xeral
  • Lembrou que segue aberto o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025, que contan con cinco categorías e buscan visibilizar o labor dos profesionais do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente distintos comercios no Barco de Valdeorras e na Rúa, onde estivo acompañado por distintos representantes do tecido comercial e empresarial da comarca e nos que puxo en valor os apoios para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal. Destas achegas, dotadas este ano con case 4 millóns de euros, benefícianse 664 establecementos de proximidade e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

A convocatoria de axudas abarca tres liñas -dixitalización, innovación e sustentabilidade- compatibles entre si e enmárcanse, segundo explicou o director xeral, no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. O seu obxectivo, expuxo, é apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente e mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos. Tamén buscan avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia.

Neste sentido, as visitas realizadas a O Bambán dos Sorrisos, Doce ópticos, Miranda, Ana de la Puente, no Barco de Valdeorras, e a Electrodomésticos Malira SAT, na Rúa, enmárcanse na aposta do Goberno galego por visibilizar o potencial do comercio local e impulsar a súa dinamización e competitividade. Ademais, nelas o director xeral informou sobre este tipo de apoios e animou aos comercios a acollerse a eles. 

Gabriel Alén tamén expuxo que estas axudas podían chegar a preto de 50.000 euros e ao 80% do investimento para a dixitalización e a innovación, para a mellora de locais, para a adquisición de equipamento, para a eficiencia enerxética e para a compra de material promocional apostando pola sustentabilidade ou, como novidade, para a elaboración de memorias técnicas de interiorismo.

Apoios aos centros comerciais abertos

Ademais destes apoios, o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 abarca outros como os destinados a potenciar o labor centros comerciais abertos (CCA) nos que están representados establecementos como os que visitou o director xeral no Barco de Valdeorras, incluídos no CCA O Barco. Con esta folla de ruta, que de xeito global inclúe 74 accións específicas e está dotada con 320 millóns de euros, avanzarase na creación dun rexistro actualizado e na reconfiguración dos centros comerciais abertos, desde unha perspectiva de dinamización integral das contornas comerciais.

Tamén se desenvolverá un plan de formación continua para os xerentes destes centros. Deste xeito, a Xunta busca potenciar aos CCA como pezas fundamentais e estratéxicas do ecosistema comercial dentro do obxectivo global de consolidar un sector máis moderno, sostible e adaptado ás novas demandas da clientela e do territorio.

Premios do Comercio Galego 2025

Dentro desta aposta por fortalecer o sector, o director xeral lembrou tamén que os establecementos comerciais interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata o 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiranse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, por valor de 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.

Gabriel Alén destacou que esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a cohesión territorial.

Publicacións Relacionadas