HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca nas instalacións de Maderas Gómez o papel fundamental do...

A Xunta destaca nas instalacións de Maderas Gómez o papel fundamental do rural galego como motor de emprego de calidade, sostible e con futuro

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración puxo en valor o uso dos recursos locais da contorna e o modelo empresarial sostible desta empresa
  • José González salientou o compromiso do Executivo galego coa promoción dun ecosistema emprendedor sólido e vencellado ao territorio,  o que lle valeu a Galicia o recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025
  • Neste eido destaca o labor da Rede de polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que con 15 oficinas repartidas por todo o territorio galego, leva asesorado máis de 4.100 proxectos, dos cales arredor de 800 corresponden á provincia de Ourense

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe no concello ourensán de Piñor as instalacións da empresa Maderas Gómez. Alí destacou que a empresa constitúe unha representación do espírito emprendedor galego, sendo unha mostra da potencialidade do rural como motor de emprego estable e de calidade sen renunciar ás raíces ao contar con máis de 100 persoas traballadoras que residen na zona.

Durante o percorrido polas instalacións —no que tamén estiveron o alcalde do municipio, José Luis González, e o rexedor do concello de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares— o conselleiro de Emprego puxo en valor o uso por parte de Maderas Gómez dos recursos locais da contorna, empregando madeira quilómetro 0 e apostando por una produción sostible.

Visitas coma esta, sinalou o conselleiro, permiten poñer de manifesto o papel que xogan as empresas do rural como motor de desenvolvemento económico no territorio, amosando que segue sendo un lugar fértil para o emprendemento, con identidade local e proxección internacional.

Emprendemento ligado ao territorio

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración agradeceu o compromiso e a confianza de Maderas Gómez, e reafirmou a disposición da Xunta de seguir traballando en prol do tecido empresarial galego, da man de quen cree emprego, xere riqueza e manteñan vivo o rural galego.

Este compromiso coa promoción dun ecosistema emprendedor sólido e sostible, valeulle a Galicia o recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Un dos piares desta estratexia é a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, unha iniciativa posta en marcha para acompañar, asesorar e impulsar proxectos empresariais, con especial atención ás zonas non urbanas. A día de hoxe, nas 15 oficinas repartidas por todo o territorio galego, tense prestado apoio a máis de 4.100 proxectos, dos cales arredor de 800 corresponden á provincia de Ourense, nos polos situados no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín.

Publicacións Relacionadas