HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca o éxito e a efectividade da campaña "Días Azuis"...

A Xunta destaca o éxito e a efectividade da campaña “Días Azuis” ao incentivar máis de 134.000 vendas e mobilizar 3,5 M€ no comercio de proximidade

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Santiago na entrega de premios aos clientes participantes que gañaron o sorteo da última edición desta iniciativa, impulsada polo Goberno galego e a Federación Galega de Comercio
  • Os agasallos do sorteo entregados hoxe son tarxetas de prepago de 250 e 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos  
  • Ademais, este ano como novidade sorteouse unha tarxeta prepago de 3.000 euros para empregar nunha xornada de compras na localidade que elixa a persoa premiada
  • José González subliñou que esta iniciativa é un exemplo de que a colaboración público-privada contribúe a intensificar resultados e lembrou outras accións para incentivar a actividade do comercio
  • Salientou que este tipo de accións se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta cun investimento de 320 millóns de euros e máis de 70 actuacións co foco na competitividade, a dinamización e a gobernanza do sector

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o éxito e a efectividade da edición deste ano da campaña Días Azuis do Comercio Galego, que incentivou máis de 134.000 vendas en máis de 160 localidades galegas e mobilizou uns 3,5 M€ no comercio de proximidade da comunidade. Así o destacou hoxe en Santiago durante a entrega de premios aos clientes participantes que gañaron o sorteo da última edición desta iniciativa de dinamización do comercio local, impulsada entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio no marco do convenio de colaboración entre ambas partes e que conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos e Abanca.

No acto, o conselleiro felicitou ás persoas premiadas e nel tamén participaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entre outros. En canto aos premios entregados, son 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos atendendo ao que establecen as bases desta campaña. Ademais, como novidade este ano, no evento sorteouse en directo unha tarxeta prepago valorada en 3.000 euros para empregar nunha xornada de compras na localidade que elixa a persoa afortunada.

Exemplo de colaboración público-privada

Neste sentido, o conselleiro subliñou que esta iniciativa é un exemplo de que a colaboración público-privada contribúe a intensificar resultados e lembrou outras accións que están en marcha para incentivar a actividade do comercio como a campaña Xoga en equipo, impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra e que conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra ou Merca no teu comercio, tamén dentro da colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio e que promove entregas de premios en 40 vilas pequenas e medianas que non contan con centros comerciais abertos, cos fins de aumentar o impacto da iniciativa nestas localidades e, fomentar o asociacionismo comercial.

Plan estratéxico do comercio de Galicia

José González explicou que estas medidas se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 co que o Goberno galego está a impulsar o comercio de proximidade. Esta folla de ruta pon o foco en tres eixos que son a competitividade, a dinamización e a gobernanza, conta cun investimento de 320 millóns de euros e con 74 accións orientadas a fortalecer os principais axentes do ecosistema comercial —comerciantes, asociacións e federacións, centros comerciais abertos, artesáns ou prazas de abastos-.

Ademais, esta ferramenta inclúe actuacións pioneiras de comercio de atracción, como Vilas vivas, así como accións para favorecer a remuda xeracional, o achegamento á mocidade —como Localízate— o emprendemento e a colaboración coa Rede de Polos. Tamén outras máis consolidadas e de éxito como os bonos Activa Comercio.

Publicacións Relacionadas