- A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, respondeu hoxe unha pregunta sobre o balance desta iniciativa autonómica na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego
- Destacou que a Rede, eixo central da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, actualmente en fase de consultas, está integrada por 15 oficinas nas catro provincias, acumulando xa máis de 17.500 titorías personalizadas
- Salientou o protagonismo feminino, xa que preto do 60 % das persoas atendidas son mulleres, maioritariamente na franxa de idade comprendida entre os 45 e os 52 anos, reforzando así o seu papel como dinamizadoras do tecido económico
- No que respecta á remuda xeracional, indicou que suma xa máis de 300 negocios acompañados para garantir a súa continuidade, un asesoramento que se completa coas axudas económicas do Bono Remuda, dotado con 1,5 M€
- Concluíu que o balance da Rede demostra a súa eficacia para fixar poboación, crear emprego de calidade e fortalecer o futuro de Galicia a través dun emprendemento vencellado ao territorio
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, salientou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego o papel vertebrador da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que leva atendido ata o de agora arredor de 5.800 proxectos en toda Galicia e contribuído á creación de máis de 550 novas empresas, consolidándose como unha ferramenta central da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, con horizonte 2030 e actualmente en fase de consultas co sector.
Fíxoo no marco da resposta a unha pregunta sobre o balance desta iniciativa despregada pola Xunta desde 2022, á que definiu como un ecosistema vivo de acompañamento técnico e humano que dá resposta real ás necesidades do tecido produtivo galego, garantindo —remarcou— que ningunha boa idea quede sen o apoio necesario para converterse nun proxecto viable.
Neste senso, destacou que a Rede conta actualmente con 15 oficinas distribuídas polas catro provincias galegas. Ademais, como mostra do acompañamento que se presta, puxo de relevo as máis de 17.500 titorías realizadas polos equipos técnicos dos Polos, un apoio personalizado que permite orientar os proxectos desde a súa fase inicial ata a súa consolidación. En canto á actividade desenvolvida no territorio, a nivel autonómico lévanse realizadas máis de 2.000 actuacións entre reunións con entidades e axentes locais e eventos organizados pola propia Rede para impulsar a cultura emprendedora e favorecer a conexión co ecosistema económico.
A directora xeral tamén salientou o protagonismo feminino, xa que preto do 60 % das persoas atendidas pola Rede son mulleres, maioritariamente na franxa de idade comprendida entre os 45 e os 52 anos, reforzando así o seu papel como dinamizadoras do tecido económico. Así mesmo, puxo en valor o traballo dos Polos para favorecer a integración sociolaboral das persoas galegas retornadas que contemplan o autoemprego como vía para o regreso a Galicia.
Remuda xeracional e talento retornado
Durante a súa intervención, Marta Mariño destacou tamén que Galicia conta cun plan específico de remuda xeracional dentro da Rede de polos na que se levan asesorado ata o de agora máis de 300 proxectos, ofrecendo acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento co obxectivo de garantir a súa continuidade e evitar peches. Esta actuación complétase con medidas económicas como o Bono Remuda, dotado con 1,5 millóns de euros, unha das cinco liñas incluídas este ano na orde unificada de apoio ao emprego autónomo, que suma en conxunto 40,7 millóns de euros.
A Rede de Polos participa ademais activamente noutras iniciativas impulsadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, como o programa Xerme, en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego para apoiar proxectos no ámbito do comercio electrónico, ou Alento, que xunto ao Clúster da Comunicación de Galicia ofrece asesoramento especializado en márketing e comunicación.
Marta Mariño concluíu que o balance da Rede demostra a súa eficacia para fixar poboación, crear emprego de calidade e fortalecer o futuro de Galicia a través dun emprendemento vencellado ao territorio.



